HomePontevedraCaldasO concello promove un ambicioso proxecto para ampliar e mellorar o servizo...

O concello promove un ambicioso proxecto para ampliar e mellorar o servizo de saneamento na parroquia de San Clemente

- Anuncio -spot_img

A primeira fase da actuación, valorada en máis de 600.000  euros, contempla a ampliación da EDAR de Baltar e  dotación de novas infraestruturas en Faramontáns,  ademais de supoñer un paso inicial para habilitar as  canalizacións no núcleo de A Igrexa 

O alcalde, Jacobo Pérez, lembra que a dotación de  servizos básicos no rural caldense é un dos obxectivos  primordiais do Goberno local e que se está a avanzar para  completar esta folla de ruta 

O Concello de Caldas de Reis segue avanzando á hora de completar a súa folla de ruta no que á dotación de mellora en infraestuturas no rural se refire, co obxectivo de  garantir servizos básicos nas parroquias. O alcalde, Jacobo Pérez, deu  a coñecer hoxe os detalles do primeira fase do proxecto para a  implementación de saneamento en San Clemente. Trátase dunha  actuación que se levará a cabo en Baltar, Faramontáns e na contorna da Igrexa, dando resposta, deste xeito a unha demanda histórica por  parte da veciñanza. 

Este proxecto contará cun orzamento que supera os 640.000 euros (IVE  engadido) e financiarase a través de fondos provintes do programa  +Provincia da Deputación de Pontevedra, correspondente á  convocatoria de 2025. Deste xeito, o Concello continúa a traballar na  instalación de redes de colectores e infraestruturas que potencien e  amplíen os servizos de tratamento de augas residuais ou abastemento  no rural. Hai que lembrar que no que vai de ano xa se impulsou a  ampliación de saneamento noutros núcleos como Saiar ou Soutelo de  Abaixo. 

En San Clemente, “o que pretendemos é ir completando a rede de  servizos básicos na parroquia”, explica o rexedor caldense, que garante  que esta obra suporá “unha mellora moi importante das prestacións  para un gran número de veciños e veciñas”. Unha vez se faga realidade  o proxecto moitas vivendas que actualmente carecen deste servizo, e  que utilizan pozos negros, poderán conectarse aos novos colectores,  co que se evitarán problemas de salubridade ou posibles verquidos.  Unha das actuacións chave deste proxecto será a ampliación da  Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Baltar. Tal e como  recorda Jacobo Pérez, a modernización desta infraestrutura é un “paso  imprescindible”, xa que conta con preto de 20 anos de antigüidade e xa  se atopa ao límite da súa capacidade. Actualmente, presta servizo aos  núcleos de Baltar, Cesar, Cesariños, Asar, Campelo e Souto. Unha vez estean as obras concluídas, estímase que a capacidade da depuradora  será suficiente para dar servizo a uns 600 usuarios e usuarias  aproximadamente. Para a súa ampliación ocuparanse terreos anexos  que son de titularidade municipal, tal e como se reflicte nos informes  técnicos. 

Nesta primeira fase do proxecto, ademais, tamén se contempla a  dotación dunha Estación de Bombeo de Augas Residuais (EBAR) no  lugar de Faramontáns, que servirá para enviar as augas ata a EDAR de  Baltar. Aquí tamén se instalarán máis tramos de colector e ramais para  garantir que o servizo chegue a practicamente todo o núcleo. Por último,  esta actuación inicial tamén deixará asentadas as bases para permitir  que se consolide o servizo de tratamento de augas residuais na  contorna de A Igrexa, dando así resposta a unha demanda histórica da  veciñanza. “Estamos a falar dun proxecto moi ambicioso que suporá un  antes e un despois para os e as habitantes da parroquia de San  Clemente”, apunta o alcalde, que explica que xa se solicitaron os  permisos pertinentes ante as Consellerías de Patrimonio e de Industria,  así como no departamento de Augas de Galicia. O proxecto tamén foi  remitido á Deputación de Pontevedra e “agora estamos á espera de que  nos dean luz verde para poder iniciar a licitación. 

Prevese que o prazo de execución das obras sexa de cinco meses.  Pérez Gulín salienta unha vez máis que “pouco a pouco imos sacando  cara adiante proxectos que xa estaban contemplados e que supoñen unha mellora importante para a calidade de vida da veciñanza, neste  caso no noso rural”.

Publicacións Relacionadas