Nos dous primeiros encontros, celebrados en Vilalonga e Arra, os veciños e veciñas amosaron a súa preocupación pola falta de limpeza, a ausencia de mantemento de espazos públicos e a non realización de demandas históricas prometidas hai moitos anos polo PP, como a senda do río Fabaíños ou o sendeiro entre Vilalonga e A Revolta
Os nacionalistas salientan o espírito participativo dos e das asistentes e sinalan que “estamos a confirmar o que xa era sabido, que ao señor Martín non lle interesan os problemas da súa xente e só está centrado na súa política de formigón e cemento nas inmediacións do Paseo de Silgar”
As primeiras reunións celebradas dentro da rolda de encontros que o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo ao longo da pasada fin de semana serviron para constatar o estado de abandono ao que Telmo Martín ten sometida á veciñanza do rural. Tanto na cita do pasado venres en Vilalonga como na do sábado en Arra, as persoas asistentes enumeraron varias actuacións históricas que seguen sen facerse realidade, a pesares das numerosas promesas realizadas en varias ocasións polo Goberno do Partido Popular, así como o déficit e o mal funcionamento de servizos básicos, sen esquecer a falta de seguridade viaria nas vías secundarias da vila, un feito no que o propio Bloque xa fixo fincapé hai uns días.
Os nacionalistas salientan a boa acollida destas primeiras reunións e fan fincapé no espírito participativo e colaborativo das persoas asistentes, que “nos deron traslado de moitas preocupacións, provocadas pola falta de interese do señor Martín sobre todo o que non teña que ver coa súa política de formigón e cemento nas proximidades do Paseo de Silgar”. No encontro organizado no Edificio de Usos Múltiples de Vilalonga, os concelleiros Fran Leiro e Octavio González, acompañados polo responsable local, Adrián González, tomaron nota das inquedanzas da veciñanza. As persoas asistentes amosaron a súa preocupación pola falta de mantemento dos espazos públicos na parroquia, como xardíns e parques. “Hai moita xente que prefire levar aos seus fillos e fillas a xogar a Os Pasais, en Dena, porque está en moito mellor estado que a contorna da Telleira, o cal é bastante triste”, sinalan desde o Bloque. A falta de seguridade viaria no núcleo de Rouxique ou a escasez de frecuencia da limpeza viaria tamén foron queixas realizadas pola veciñanza, ás que hai que sumar a falta de novidades sobre o sendeiro entre Vilalonga e A Revolta. “O alcalde leva moitos anos prometéndoo, pero non hai novidades ao respecto”, denuncia o BNG
Demandas en Arra
O sábado, na Casa do Priorato, os representantes do grupo nacionalista tomaron nota das demandas achegadas por residentes neste núcleo, onde hai unha preocupación máxima, como é a falta de seguridade viaria. “Existe unha inquedanza moi grante pola situación da estrada do Catadoiro, onde non se fixo nin unha soa actuación de mellora en 25 anos”, denuncian os nacionalistas, que lembran que esta vía presenta moitos tramos nos que non hai espazos para peóns. A veciñanza tamén denuncia o exceso de velocidade por parte dos vehículos, situación que tamén se produce na estrada que vai a Aios.
A falta de limpeza e o mal funcionamento de moitas luminarias foron outras queixas recollidas nesta reunión, na que tamén se falou da inquedanza xerada pola instalación dunha antena de telefonía na contona. Outra demanda histórica que segue sen facerse realidade, a pesar de ser anunciada en 2003, é a senda do río Fabaíños. O BNG agradece a participación da veciñanza nestas reunións e sinala que “percibimos o interese por parte da cidadanía en tomar parte neste tipo de encontros, xa que o señor Telmo Martín non escoita aos seus veciños e veciñas”.
As vindeiras reunións serán na Casa de Cultura de Dorrón (martes 22 de abril, 20.00 horas), na Casa de Cultura de Adina (xoves 24 de abril, 19.30 horas), no Centro Cultural de Nantes (martes 6 de maio, ás 19.30 horas), na Casa Cultural de Bordóns (xoves 8 de maio, ás 19.30 horas), na Casa Forestal As Canteiras de Noalla (martes 20 de maio, ás 19.00 horas), na Sala Nauta do Porto Deportivo de Sanxenxo, o xoves 22 de maio, ás 19.30 horas, e, por último, o martes 3 de xuño na Casa Mariñeira de Portonovo, tamén ás 19.30 horas. Os nacionalistas non descartan realizar novas convocatorias, en caso de que sexa necesario.