HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López destaca o impulso á programación cultural nos concellos e aos...

Luis López destaca o impulso á programación cultural nos concellos e aos profesionais das  artes escénicas a través dun circuíto pioneiro e revulsivo como o +Escénicas

- Anuncio -spot_img

O mandatario provincial, acompañado polo deputado Jorge Cubela, presenta ante escolares do Froebel as novidades dun programa que mobiliza 195.000 para programar 136 funcións de danza e teatro en 51 concellos de menos de 50.000 habitantes

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o impulso que a Deputación lle está a dar á cultura, particularmente ás artes escénicas, na provincia a través dun programa pioneiro como o +Escénicas, que xa ten en marcha a súa segunda edición. Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Danza, que se conmemora este 29 de abril, o mandatario provincial, xunto co deputado de Cultura, Jorge Cubela, presentou as novidades deste circuíto provincial de artes escénicas que regresa neste 2025 con máis recursos, un orzamento de 195.000€, unha suba de 20.000€; un total de 136 funcións, ata cinco por concello; e unha aposta decidida pola danza e a lingua galega.

“Co Día Internacional da Danza comeza o segundo baile do +Escénicas. Un baile que vai levar esas 136 funcións a 51 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, un baile que vai encher teatros e auditorios da provincia e un baile que vai ter un elemento común, todos os espectáculos vanse celebrar en galego”, detallou o mandatario provincial nas escalinatas do Pazo provincial, escenario no que tivo lugar unha presentación que contou cun público de excepción —o alumnado de quinto de Educación Primaria do CEIP Froébel, así como representantes do sector da danza en Galicia— e coa actuación extraordinaria dos bailaríns Iria Busquets e Adrián López, que interpretaron a peza “Ao pasar pola fenda”, dos coreógrafos Paula Morejón e Adrián López.

O acto comezou coa lectura, a cargo da produtora e distribuidora de danza Lilian Portela, do manifesto do Día Internacional da Danza, escrito polo Mikhail Baryshnikov, considerado o mellor bailarín de ballet do mundo. Antes de debullar os detalles do programa da segunda edición do programa +Escénicas, o presidente provincial mantivo unha distendida charla cos alumnos a alumnas do colexio Froébel, que puxeron exemplos de disciplinas artísticas das artes escénicas e mesmo se atreveron a interpretar algunhas delas, coma acrobacias ou teatro.

O impulso á danza é a principal novidade desta segunda entrega do circuíto +Escénicas que, atendendo unha demanda histórica do sector cultural, puxo en marcha o goberno provincial por primeira vez no ano 2024. Un fito polo que o dirixente recoñeceu o labor do deputado de Cultura, Jorge Cubela, para crear un circuíto provincial que “tan ben está a funcionar”, remarcou López. Deste xeito, cada concello beneficiario deste plan que programe un mínimo de catro funcións estará obrigado a que, polo menos, unha delas sexa de danza. “Os 51 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia van ter a sorte de poder ter por segundo ano actuacións de teatro e danza”, explicou o dirixente aos escolares.

Esta segunda edición do circuíto +Escénicas supón ademais a inxección de 244.000 euros no sector cultural da provincia, contando os 195.000€ achegados pola Deputación ademais do cofinanciamento que lle corresponde aos concellos. Un programa que incrementa ata os 3.800€ as achegas aos concellos beneficiarios, que poden programar as súas funcións nun catálogo integrado por máis de 450 espectáculos de teatro e danza. 

Publicacións Relacionadas