O presidente provincial, xunto coa deputada de Turismo, Nava Castro e membros do goberno provincial, participa no acto de recoñecemento ao sector turístico que organiza cada ano a Deputación e que por primeira vez tivo lugar nun concello do interior: Moraña
Salienta que Rías Baixas é o destino de España que conta con máis certificacións de calidade turística SICTED e sopra as velas do vinte aniversario cos establecementos que mantiveron esta acreditación desde entón
Recoñece o labor do sector para consolidar á provincia como unha potencia turística garantindo a calidade de vida dos veciños: “A clave do futuro está en garantir crecemento con sustentabilidade”
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, convidou este martes a visitar o interior das Rías Baixas, uno dos destinos “máis privilexiados do mundo” composto por 61 concellos e un sector turístico excelente. Cunha referencia á premiada campaña “Cando volves?”, que por primeira vez dá a coñecer as Rías Baixas sen amosar o mar, o mandatario provincial salientou o potencial tanto dos concellos de costa como os de interior para atraer visitantes e o trato extraordinario e de calidade dos profesionais do sector turístico para conseguir que os turistas sempre volvan. “Descubrir un destino pode ser mérito do territorio. Pero volver sempre é grazas ao sector que converteu aquela primeira vez en algo único”, afirmou o presidente Luis López para clausurar a tradicional gala provincial do turismo que organiza cada ano a Deputación, que este ano se celebrou por primeira vez nun concello de interior, en Moraña, no Pazo da Toxeiriña, para conmemorar o vinte aniversario dos premios SICTED na provincia de Pontevedra, a que conta co maior número destes distintivos en España.
O recoñecemento aos profesionais dun sector que destaca pola súa calidade na atención aos visitantes e polo respecto ao territorio, así como a posta en valor do potencial turístico do interior da provincia foron os temas principais dunha gala, conducida pola xornalista Rocío Delgado e coa actuación final de Montedapena, que comezou cunha charla coa deputada de Turismo, Nava Castro. “O turismo é, para nós, un sector prioritario, un dos grandes motores de desenvolvemento da nosa terra. Somos ademais un destino de calidade, sostible e cunha oferta ampla e diversificada”, enxalzou a responsable do servizo de Turismo na Deputación.
O acto continuou coa proxección dunha serie de pezas audiovisuais sobre a riqueza natural e patrimonial do interior da provincia e as súas posibilidades para atraer un turismo sustentable e ligado á natureza. Así, deuse a coñecer o traballo de Chicho Ocampo, un artesán único que exporta campás desde Caldas; o de Mónica Pereira, guía do observatorio astronómico de Forcarei; ou o de Manuel Santos, arqueólogo especialista en arte rupestre. Tres nomes propios que dan boa conta da singularidade das Rías Baixas. Unha singularidade que se combina coa calidade das empresas e profesionais da provincia que contan co distintivo SICTED, unha nómina que foi medrando ao longo das dúas últimas décadas ata acadar a cifra récord de 327 para converter a provincia en líder nacional en selos de calidade SICTED. Unha representación deste heteroxéneo colectivo —integrado por oficinas de turismo, enclaves propios coma as praias de Patos ou Praia América, restaurantes, museos, hoteis e toda clase de establecementos que prestan servizo ao turista— subiu tamén ao escenario para soprar as velas dunha tarta que conmemora o vinte aniversario da consecución deste primeiro galardón. “Grazas por manter as Rías Baixas no máis alto durante tantos anos”, recoñeceu o presidente Luis López.
Aposta por un turismo de calidade, sustentable e descentralizado
O mandatario provincial reafirmou a posición da Deputación como un apoio sólido para o sector e seguir consolidando de xeito conxunto a provincia como un destino turístico de referencia nacional e internacional. “A clave do futuro está en ser facilitadores para o turismo, en garantir crecemento con sustentabilidade. Sempre da vosa man, dos que garantides que o turismo sexa o noso mellor escaparate”, remarcou o dirixente. Cara esa meta diríxense todas as medidas que está a aplicar o goberno provincial en materia de turismo. “Máis turismo cultural, máis turismo deportivo, máis atracción de turismo estranxeiro, máis internacionalización, máis actividades nos castelos, máis divulgación da camelia, máis enoturismo, máis producións audiovisuais rodadas na provincia…”, enumerou o presidente da Deputación unha mostra das medidas recollidas na Estratexia Rias Baixas Turismo 61 que puxo en marcha o goberno de Luis López “enfocada a protexer aquilo que nos fai únicos en todos e cada un dos concellos da provincia”.
“Moraña é tan Rías Baixas como Baiona. As Rías Baixas do Salnés namoran tanto coma as Rías Baixas do Deza. A Ría é tan nosa como o río. O cocido identifícanos tanto coma a batea. Todos os puntos, sexan de costa ou interior, pertencen a este destino. Todas as experiencias se poden vivir aquí. Unha lección que non deberiamos esquecer, porque é compatible ser o mellor destino de praia segundo National Geographic con marabillar ao mundo amosando o noso interior; é compatible coidar dun sector crucial como o turismo (12% do PIB) con garantir a calidade de vida dos veciños; e é compatible reforzar o turismo con blindar a sustentabilidade social e medioambiental das Rías Baixas”, defendeu o presidente provincial.
“As Rías Baixas son o lugar onde unha viaxe irrepetible se pode repetir moitas veces. Por iso somos únicos”, concluíu o presidente Luis López, que se referiu ao sector turístico da provincia como os mellores compañeiros de viaxe. Un sector que é protagonista dunha campaña “Cando volves?” que está a acadar recoñecementos en feiras internacionais coma as de Xapón ou Sudáfrica, que racha teitos de interaccións en redes sociais e de presencia en medios de comunicación e que non deixa a ninguén indiferente. “Sen necesidade de forzar nin de engadir nada, as Rías Baixas amósanse como son: un territorio natural, infinito, singular. Un dos lugares máis privilexiados do mundo”, definiu López o sentido dunha campaña que evoca profundos sentimentos. “Nin o máis indiferente dos espectadores pode evitar a emoción que produce ver noutras aldeas, a nosa propia aldea; noutras paisaxes, a paisaxe da nosa infancia; ou noutras familias, os recordos de tantos días canda a nosa. Da emoción pasamos á nostalxia; da nostalxia, ao entusiasmo; do entusiasmo, finalmente, ao orgullo de vivir e de ser das Rías Baixas”, exclamou o presidente provincial para rematar cunha comprobación: “quen visita o interior da provincia, tamén visita o seu propio interior”.