HomeOurenseO alcalde felicita a Unión Deportiva Ourense polo ascenso a Segunda Federación:...

O alcalde felicita a Unión Deportiva Ourense polo ascenso a Segunda Federación: “un gran logro que esperamos que se consolide e vaia a mais”

- Anuncio -spot_img

“Sempre imos estar apoiando a todos os deportistas ourensáns coma vós”, aseverou Gonzalo Jácome

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, felicitou esta mañá á Unión Deportiva Ourense pola súa excelente temporada 2024/2025, na que se proclamou campión da liga de fútbol de Terceira Federación e obtivo o ascenso á categoría de Segunda Federación.

O alcalde, acompañado polo presidente do Consello Municipal de Deportes, Aníbal Pereira, recibiu no salón de plenos o presidente, Fernando Currás, o adestrador, Borja Fernández, a directiva e os xogadores do equipo ourensán, nun acto ao que acudiron representantes de todos os grupos políticos con representación no Concello (DO, PP, PSdeG-PSOE e BNG).

O alcalde expresou a súa felicitación ao equipo ourensán por esta exitosa temporada: “grazas polo que conseguistes, que esperamos que se consolide e vaia a máis. Realmente é gran logro e un orgullo que esteades aquí”. Unhas felicitacións ás que se sumou o presidente do CMD, Aníbal Pereira, quen expresou a ledicia pola excelente traxectoria do equipo e o seu ascenso a categoría nacional: “déstelo todo e estamos orgullosísimos”, manifestou. Pereira avanzou que agora, para o equipo de fútbol ourensán “vén unha época na que é o momento de consolidar o proxecto nunha categoría bonita e a partir de aí seguir soñando. Será unha 2ª RFEF apaixonante, e tédesnos a todos aquí”.

O alcalde rematou o acto asegurando que desde o Concello “sempre imos estar cos ourensáns. Ogallá vos poidades manter na categoría de 2ª RFEF, ogallá poidades ascender a 1ª RFEF, ogallá algún día poidamos tentar soñar co fútbol profesional da Segunda e Primeira División. Nós sempre imos estar apoiando a todos os deportistas ourensáns coma vós. Esperamos vervos aquí o ano que vén”, concluíu Pérez Jácome.

Publicacións Relacionadas