HomeA ParadantaA CañizaA Deputación aproba máis de 260.000 euros das Axudas Básicas de Emerxencia...

A Deputación aproba máis de 260.000 euros das Axudas Básicas de Emerxencia para os concellos da contorna de Vigo e o sur da provincia

- Anuncio -spot_img

Cada concello de menos de 20.000 habitantes recibirá entre 9.300 e 14.000 euros para sufragar gasto corrente e afrontar investimentos para apoiar a persoas en situación ou risco de exclusión social

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o reparto de máis de 260.000 euros para que os 21 concellos da contorna de Vigo e do sur da provincia de menos de 20.000 habitantes poidan atender as necesidades urxentes de persoas que se atopen en situacións ou risco de exclusión social. Como explicou o presidente provincial, Luis López, son as coñecidas como Axudas Básicas de Emerxencia, “unha liña de achegas para apoiar a aquelas persoas que máis o precisan, e que demostran o noso firme compromiso cos máis vulnerables, poñendo especial atención na mellora da súa calidade de vida e da súa autonomía persoal”. En total, a Deputación de Pontevedra destinará este ano 615.000 euros para os 51 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.

Cada un dos concellos da contorna de Vigo e do sur da provincia recibirá entre 9.300 e 14.000 euros, en función do número de habitantes que teñan e doutros indicadores, entre os que se atopan a taxa de desemprego, a dependencia ou a renda. Dos 262.000 euros aprobados, 178.300 permitirán aos concellos sufragar gasto corrente, como alimentación, uso da vivenda ou pagamento de servizos e subministros básicos, entre outros, mentres que o resto, 83.000 €, irá destinado a afrontar investimentos como actuacións de mellora en vivendas de persoas vulnerables, entre outras moitas iniciativas.

Por concellos, A Cañiza benefíciase de 13.800 €, A Guarda de 12.800 €, Arbo 12.300 €, As Neves 10.800 €, Baiona 12.800 €, Covelo 12.300 €, Crecente 12.300 €, Fornelos de Montes 12.300 €, Gondomar 14.050 €, Mondariz 12.300 €, Mondariz-Balneario 10.800 €, Mos 14.050 €, Nigrán 13.800 €, O Rosal 12.800 €, Oia 9.300 €, Pazos de Borbén 10.800 €, Salceda de Caselas 11.800 €, Salvaterra de Miño 13.800 €, Soutomaior 11.800 €, Tomiño 13.300 € e Tui 14.000 €.

Publicacións Relacionadas