A deputada provincial de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro Anta, visitou esta mañá o Concello de Mos acompañada pola alcaldesa, Nidia Arévalo, e o tenente de alcaldesa e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Grandal. Durante a visita, comprobaron o avance das actuacións impulsadas coa colaboración da Deputación de Pontevedra, destinadas á mellora da accesibilidade e seguridade viaria do municipio.
En pimeiro lugar visitaron as obras da actuación denominada “Mobilidade Peonil 2601”, coa que se está a executar unha nova beirarrúa na estrada provincial Mos – Puxeiros, ao seu paso pola parroquia de Torroso.
Esta intervención consiste na construción de novas beirarrúas entre o centro de día “O Son do Regueiro” e o alto dos Cabaleiros, que conectarán esta estrada co carril bici Torroso – Santiaguiño, mellorando así a mobilidade peonil e favorecendo os desprazamentos sustentables. A obra conta cun financiamento íntegro da Deputación de Pontevedra de 70.125,04 euros, e está sendo executada pola empresa adxudicataria baixo supervisión técnica provincial.
A visita continuou no núcleo urbano de Peinador, onde se está a traballar na redacción dun ambicioso proxecto de mellora integral da zona. Trátase dunha actuación de gran envergadura que suporá unha transformación substancial dun dos principais eixes viarios do municipio. Segundo explicaron os técnicos e responsables institucionais, o proxecto contempla a construción de novas beirarrúas, a rehabilitación integral do firme, a instalación de sistemas de barreiras de seguridade, novos puntos de iluminación pública, melloras na regulación do tráfico, así como a renovación de redes.
Este proxecto responde á necesidade de adaptar unha zona cunha elevada densidade de tránsito, debido á súa función como vía de conexión entre o núcleo de Puxeiros e equipamentos de gran relevancia como o aeroporto de Vigo, o IFEVI e a área industrial do Rebullón. A estrada Puxeiros – Peinador é unha infraestrutura estratéxica que atravesa unha contorna densamente habitada e con presenza de numerosas naves de almacenamento e loxística, polo que a súa mellora redundará nun incremento da seguridade e calidade de vida tanto para os condutores como para os peóns.
Tanto representantes municipais como provinciais coincidiron en subliñar a importancia desta actuación, que responde á aposta conxunta da Deputación de Pontevedra e o Concello de Mos por un modelo de desenvolvemento sustentable, accesible e centrado nas persoas.