O presidente da Deputación destacou que o goberno provincial financia o 100% do custo dunha obra estratéxica para a veciñanza deste concello, onde a Deputación está a colaborar na estratexia global de humanización do centro urbano
A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello da Lama a través dos plans de Cooperación como o +Provincia e o PEID ascende a 1,17M€
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este venres o convenio de colaboración co alcalde da Lama, David Carrera, para o financiamento do proxecto de mellora da accesibilidade na contorna da Igrexa de San Salvador ao abeiro do Plan Extra. Un acordo asinado no marco dun novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Carrera selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega a totalidade dos fondos necesarios para executar o proxecto, que supera os 588.000€, dos que medio millón de euros fináncianse con cargo ao Plan Extra e os 88.235€ restantes, correspondentes á achega municipal, cóbrense con recursos do Plan +Provincia.
A obra, que dá continuidade á humanización da Alameda, executada tamén con fondos da Deputación, abarca unha superficie de 2.500 metros cadrados e permitirá a mellora da accesibilidade entre a Casa do Concello, o pavillón e outros puntos clave do centro urbano do municipio. Con esta intervención establecerase o sentido único de circulación na rúa Alameda, eliminarase o tráfico no camiño entre a rúa da Igrexa e o colexio creando un percorrido peonil; e deseñarase unha pequena praza empedrada na Casa do Concello, proporcionando un espazo público de calidade. En todo o ámbito haberá plataforma única de uso compartido con prioridade peonil, así como a instalación de novo mobiliario, iluminación adecuada, plantación de árbores e renovación das redes de saneamento e abastecemento.
A colaboración da Deputación co Concello da Lama non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial un total de 1,17M€ a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.