HomeOurenseO Concello lémbralles ás persoas titulares de predios que antes do día...

O Concello lémbralles ás persoas titulares de predios que antes do día 31 de maio teñen a obriga de xestionar a biomasa vexetal

- Anuncio -spot_img
  • A normativa establece sancións por incumprimentos de até 1.000 euros, as leves, e de até 100.000 euros, as graves

Ante a proximidade do verán e coa finalidade de previr os incendios forestais, o Concello de Ourense lémbralles ás persoas titulares de terreos que teñen a obriga de xestionar a biomasa vexetal nos termos que define a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDCIF). O prazo establecido na propia lei para cumprir con esta obriga rematará o 31 de maio. No caso de que remate sen que a persoa responsable xestione a biomasa ou retire as especies arbóreas prohibidas, o Concello poderá proceder á execución subsidiaria sen prexuízo da repercusión dos custos. As sancións por incumprir a Lei van até os 1.000 euros se a infracción é leve, ou até os 100.000 se é grave. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asinou un bando, que se pode consultar na páxina web do Concello, no que informa acerca da aplicación desta normativa.

As faixas secundarias están delimitadas no Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra Incendios do Concello e están a disposición das persoas interesadas no visor publico de faixas secundarias https://mapas.xunta.gal/visores/faixas/ e na páxina web do concello https://ourense.gal/gl/servizos/medio-ambiente .

Para máis información pode contactar co Concello por teléfono no 988 388 135 ou por correo electrónico no enderezo c.ambiental@ourense.es.

Normativa de prevención de incendios

A normativa de prevención de incendios establece unhas condicións específicas para as denominadas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa, cuxa función prioritaria é protexer os núcleos de poboación, infraestruturas, equipamentos sociais, zonas edificadas, parques e polígonos industriais.

A lei obriga as persoas propietarias a xestionar a biomasa vexetal:

  • nunha franxa de 50 metros do perímetro ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable,
  • arredor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte e
  • arredor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte.

Con carácter xeral, na mesma franxa de 50 metros non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira, coma o eucalipto, a acacia ou diferentes variedades de pino, entre outras.

Publicacións Relacionadas