Home A Coruña Máis de 800 deportistas de oito países participarán esta fin de semana...

Máis de 800 deportistas de oito países participarán esta fin de semana no Mundial de hip hop coreográfico WDSF

0
6

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou hoxe no Pazo da Cultura o primeiro mundial de Hip Hop coreográfico WDSF que se desenvolverá esta fin de semana, o sábado e o domingo, nas citadas instalacións municipais. A rexedora local estivo acompañada na presentación por Ibán Santalla, concelleiro de Deportes; Luis Vañó, presidente da Federación Española de Baile Deportivo; Graciela Toba, presidenta da Federación Galega de Baile Deportivo; Jesús Marcos, presidente do Club Baile Deportivo Narón, e Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol. Agradeceu a rexedora local a implicación, para levar a cabo o evento, das agrupacións Fussion, All Dance e Paso a paso.
No campionato participarán 804 deportistas procedentes de máis de medio cento de clubs españois e tamén de países como Bélxica, Bulgaria, Chipre, Francia, Polonia, Suecia, Italia e algúns de sudáfrica.
Na xornada do sábado a competición dará comezo ás 11:00, momento no que se disputará a Liga Xunta de Galicia de hip hop, nas diferentes categorías (baby, infantil e premium) e que continuará ata media tarde. Ás 18:00 horas do sábado dará comezo o campionato mundial de hip hop (con categorías junior, youth, absoluta e megacrew) e con entrega de premios ás 20:50 horas. A competición do mundial continuará na xornada do domingo, entre as 16:00 e as 19:50 horas, cunha nova entrega de premios.
A alcaldesa recoñeu o esforzo de todas as persoas implicadas na organización deste evento “de primeiro nivel” e tamén a aposta das federacións mundial, estatal e autonómica por levalo a cabo en Narón e tamén o respaldo da Xunta de Galicia. Entre todas e todos “poñerase de novo a Narón no mapa, neste caso a través do hip hop, tanto o día 10 como o 11, grazas ao esforzo realizado durante moitos meses e que se verá representado esta fin de semana no Pazo”.
Pola súa banda, Luis Vañó asegurou que “en Narón levamos a cabo diferentes iniciativas e tratádesnos sempre coma na casa, polo que axudar a que nesta cidade se leven a cabo grandes probas é case unha obriga persoal”. O presidente da FEBD incidiu en que “atrevémonos con todo” e explicou que “a WDSF confía en nós porque nos rodeamos de boa xente e por iso nos axudan a levar a cabo esta competición, que tiñamos que incorporar dentro da federación”. Virán a participar “deportistas cunha enerxía diferente á que estamos acostumados a ver e estou seguro de que imos desfrutar moito”.
Na súa intervención, a presidenta da FGBD asegurou que era “un honor participar nesta presentación dun evento que vai quedar para a historia, o primeiro campionato do mundo de hip hop” e recalcou que “o feito de que se organice en Galicia non é casual senón o resultado dunha traxectoria firme e do compromiso de organizadores, clubs, adestradores, deportistas e familias que creron no hip hop desde o principio”. É Galicia, segundo indicou, a comunidade con máis licencias de hip hop na FEBD, apuntou, recalcando que a organización da Liga Xunta de Galicia de hip hop –cunha fase este sábado-contribuíu tamén a dar visibilidade a esta especialidade deportiva. Graciela Toba agradeceu a “incrible” visibilidade que se dá no Concello ao mundo do deporte.
A continuación interveu a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, que destacou a importancia deste campionato mundial e a “paixón” do municipio polo baile deportivo, así como o traballo que neste ámbito desenvolven os clubs locais. A delegada resaltou o crecemento do hip hop entre as mozas e mozos e o apoio da Xunta a un deporte que transmite valores de “esforzo, creatividade, disciplina e traballo en equipo”, agradecendo finalmente a implicación do Concello, as federacións e o club Baile Deportivo Narón.
O presidente desta última entidade, Jesús Marcos, agradeceu a participación de todas e todos os bailaríns inscritos e do Concello, as tres federacións implicadas e a Xunta de Galicia.