O pavillón municipal Ale de Paz acollerá durante este mes a celebración da “Copa sénior Concello de Neda”. Unha competición anunciada ao comezo da temporada, no marco do plan competicional na localidade da Liga Social de Fútbol Sala, cuxa competición regular finalizaba semanas atrás co Nuevo Minueto-Radio Car como gran triunfador, revalidando, unha vez máis, o título.
O novo torneo, organizado pola delegación en Ferrol da Real Federación Galega de Fútbol, coa colaboración da administración local, disputarase os tres próximos sábados de maio na instalación deportiva nedense. E nel terán unha nova oportunidade de medirse os oito equipos que, ao longo dos últimos meses, xogaron a liga regular.
A veciñanza afeccionada ao fútbol sala poderá seguir este sábado os catro partidos eliminatorios que decidirán quen pasa á rolda de semifinais. A partir das 17 horas, o Nuevo Minuetto Radio Car enfrontarase ao Caranza Fútbol Sala. Deseguido, a local SCD Roxal medirase co F.S. Santa Mariña do Monte. Seguirá, a partir das 19 horas, o enfrontamento entre o Estrella del Muelle e o Club deportivo Concello de Monfero. E para rematar esta tarde chea de deporte, ás 20 horas, arrancará o partido entre DP Abogados e o Círculo Mercantil e Industrial Unidad de Fene F.S.
Segundo avanzan dende a Delegación en Ferrol da Real Federación Galega de Fútbol, as semifinais disputaranse na xornada do 17 de maio e a final o sábado 24.