Trátanse de recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 8 millóns de euros, o dobre que na súa primeira edición, para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega de 81.400 euros do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que o Concello de Dozón afronte a construción dunha pista multideporte no Castro de Dozón. Como explicou o presidente da institución provincial, Luis López, “seguimos avanzando na mellora das infraestruturas e equipamentos deportivos da provincia, modernizándoos como nunca antes se fixera e a través deste segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que está dotado con 8 M €, o dobre que na pasada edición”.
Desta maneira, as actuacións que se levarán a cabo con estes recursos provinciais consisten na creación dunha pista para a práctica de fútbol, baloncesto, balonmán, tenis, bádminton, voleibol, así como as distintas variantes dos mesmos nun espazo público de titularidade municipal.
En concreto, procederase á demolición, desbroce e limpeza do terreo por medios mecánicos e á construción dunha pista de xogo de 30×15 m2, que estará pechada en todo o seu perímetro. Tamén se executará unha rede de recollida de augas, que se conectará á rede xeral de pluviais existente na contorna.