Serán catro rutas que discorrerán polas plantacións de Pardemarín, Agar, San Miguel de Castro e Moreira e as sidrerías Rabiosa, Peroja, Camino e a Quinta das Maceiras. O prazo de solicitude para participar nas actividades abre o mércores 14 de maio ás 10:00 horas a través da páxina web de Turismo Rías Baixas
Ofértanse 160 prazas gratuítas, 40 por cada unha das rutas, con saída e chegada desde a capela de San Roque en Pontevedra
“Se algo temos moi claro desde o goberno provincial é que o interior da provincia de Pontevedra ten un enorme potencial turístico”, remarcou a deputada Nava Castro na presentación das Rutas das Maceiras en Flor que terán lugar o sábado 24 de maio. Neste 2025 serán catro os percorridos e discorrerán, tal e como detallou Castro, polas plantacións de Pardemarín, Agar, San Miguel de Castro e Moreira e as sidrerías Rabiosa, Peroja, Camino e a Quinta das Maceiras. O prazo abre o mércores 14 de maio ás 10:00 horas a través da páxina web de Turismo Rías Baixas e ofértanse 160 prazas gratuítas, 40 por cada unha das rutas, con saída e chegada desde a capela de San Roque en Pontevedra.
Nava Castro, que englobou as Rutas das Maceiras en Flor no marco da campaña Cando volves?, lanzada pola Deputación para promocionar a provincia neste 2025 facendo fincapé no seu “marabilloso” interior, destacou que esta iniciativa trátase “dun xeito único” de achegarse á Estrada e coñecer a vila “nun momento único: o da floración das maceiras. Porque se en Estremadura presumen do Val do Jerte, e da floración das cerdeiras, aquí temos A Estrada e as súas fermosas maceiras que nada teñen que envexar ao val estremeño”. Por iso, tal e como remarcou, “desde a Deputación de Pontevedra imos seguir promocionando estes percorridos porque confiamos, cremos e queremos impulsar e compartir con todo o mundo este interior da provincia de Pontevedra que ten tantísimo potencial e porque estamos convencidos de que actividades como esta contribúen a fortalecer a nosa imaxe, a diversificar a nosa oferta e a garantir un desenvolvemento equilibrado e sostible do turismo como piar para protexer e dar valor a esta provincia extraordinaria”.
Os percorridos, que terán lugar todos na mesma data, o 24 de maio, comezarán ás 10:00 horas coa saída das dúas primeiras rutas desde a capela de San Roque de Pontevedra: a Ruta Rabiosa, cara a plantación de Pardemarín e a Sidrería Rabiosa, e a Ruta Peroja, que se encamiñará á plantación de Agar e a Sidrería Peroja. A chegada á capela de San Roque será ás 14:45 horas.
Pola súa banda, ás 16:00 horas, terán lugar as outras dúas saídas, tamén desde a capela pontevedresa: a Ruta Quinta das Maceiras, percorrerá a plantación de San Miguel de Castro e a Quinta das Maceiras, e a Ruta Camino, realizará unha visita á plantación de Moreira e á Sidrería Camino. Neste caso, a chegada á capela de San Roque prevese para as 20:45 horas.
As catro rutas inclúen unha cata degustación e ofertan 40 prazas gratuítas por percorrido, ata dar cabida a 160 persoas. As persoas interesadas en participar na actividade poderán solicitar ata un máximo de catro prazas e deberán indicar o nome da ruta á que se queren apuntar, o nome e apelidos de cada unha das persoas que van asistir ao percorrido e facilitar os datos de contacto dunha das persoas (correo electrónico e número de teléfono). As prazas cubriranse por orde de inscrición e as persoas que teñan confirmada praza nun dos percorridos non poderán optar aos restantes.