HomePontevedraO CondadoO goberno de Ponteareas supervisa os traballos de limpeza do río Xinzo

O goberno de Ponteareas supervisa os traballos de limpeza do río Xinzo

- Anuncio -spot_img
  • O obxectivo xeral destas actuacións é garantir a continuidade fluvial dos leitos
  • En zonas que así o requiren, procédese á estabilización de marxes e loita contra especies invasoras

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro e a concelleira de Medio Ambiente, Silvia Fernández, desprazáronse a Arnoso para supervisar os traballos de limpeza e mellora da capacidade de desaugadoiro do río Xinzo que está executando a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e para o Reto Demográfico.

Atendendo á demanda do Concello, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil limpou no pasado ano o cauce do río Tea e este ano o tramo de 5 quilómetros do río Xinzo ao seu paso pola parroquia do mesmo nome, Areas, Arnoso e Ponteareas.

Alcaldesa e concelleira amosan a súa satisfacción ao ser esta intervención unha das prioridades do goberno municipal que evitará un bo número de incidencias cando se producen choivas intensas.

O grupo empresarial público, TRAGSA, é o encargado de realizar os traballos de desbroce, proceder a desatascar os puntos obstruídos pola maleza e os restos acumulados da tempada invernal e do seu posterior tratamento.

O obxectivo xeral destas actuacións é garantir a continuidade fluvial dos leitos e para iso realízanse traballos de roza selectiva de matogueira perimetral, poda e clarexo de ramas baixas e curta sanitaria de pés secos para evitar tapóns nas infraestruturas de paso.

En zonas que así o requiren, procédese á estabilización de marxes e loita contra especies invasoras que poidan afectar o estado das masas de auga. Ademais, retiranse os residuos sólidos urbanos presentes, sobre todo, en tramos urbanos.

Publicacións Relacionadas