A institución provincial mantén aberto ata o luns 19 de maio o prazo de solicitude para que os clubs poderán financiar aos seus gastos federativos, de adestramento, persoal ou de material deportivo
A Deputación de Pontevedra pechará o luns 19 de maio o prazo para que os clubs deportivos que teñan deportistas ou equipos participando en competicións oficiais de ámbito inferior ao estatal poidan solicitar a liña de achegas convocada pola institución provincial, cun total de 650.000 euros. Grazas a estes recursos, os clubs poderán financiar os seus gastos derivados da súa actividade deportiva durante a temporada 2024/2025 ou ben durante o presente ano.
A liña de axudas provincial está dividida en dúas categorías. A primeira delas, cun orzamento de 600.000 euros, está destinada aos clubs de competicións de ámbito inferior a estatal, que poden solicitar un máximo de 3.000 € cada un. A segunda, á que a Deputación destina 50.000 euros, está centrada nos clubs que participen na competición de fútbol Preferente Galicia, que recibirán ata 5.000 euros.
Entre os gastos subvencionables atópanse os gastos federativos, de competición e adestramento, de persoal, de material deportivo e os sanitarios, e en ambos os dous casos o importe máximo non poderá superar o 80% do orzamento presentado. As bases da convocatoria, que tamén ten como obxectivos o desenvolvemento e o fomento do deporte de base, poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO). O ano pasado beneficiáronse destes recursos un total de 519 clubs de 58 concellos da provincia.