O Concello de Mos celebrou este sábado un emotivo acto de homenaxe a Mª del Carmen Vázquez González, fundadora “O Castro British International School” e referente indiscutible no ámbito educativo galego. O evento celebrado nas instalacións do centro educativo situado en Mos, fundado pola homenaxeada, contou coa presenza da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e reuniu a un bo número de veciños, familias do alumnado do centro e representantes do mundo educativo.
Nidia Arévalo destacou na súa intervención a figura de Mª del Carmen como “un exemplo de superación, compromiso e do que significa ser pioneira, unha muller que revolucionou o ensino en Galicia e abriu camiños para moitas xeracións”. A rexedora mosense lembrou a súa traxectoria profesional, iniciada como estudante en Santiago de Compostela e continuada coa súa formación en Pedagoxía na UNED.
Entre os fitos da homenaxeada, salientouse a creación do Colexio Ecuador en 1970, das Escolas Infantís O Castro en 1972 —as primeiras de Vigo—, e da Asociación Galega de Escolas Infantís (AGADEI) en 1986. Ademais, foi clave na posta en marcha do Colexio Los Sauces en 1994 e fundadora do primeiro colexio británico en Galicia, O Castro British International School, en 2008, e do Coruña British School en 2015.
Arévalo subliñou que “Mª del Carmen non só fundou colexios, senón que mudou a forma de entender a educación, promovendo un ensino que forma persoas, inculca valores e prepara ás novas xeracións para os retos do futuro”. A alcaldesa expresou en nome de todo Mos o agradecemento e a admiración pola súa traxectoria exemplar.
Este acto de homenaxe enmárcase dentro da programación do 8M do Concello de Mos, que sigue a ter vixencia semanas e meses despois, baixo o lema “Escribamos a nosa historia”, que pon en valor ás mulleres educadoras locais que, como Mª del Carmen, axudaron a construír o presente e futuro do municipio.
O Concello de Mos reafirma así o seu compromiso coa igualdade e coa educación como ferramentas fundamentais para o progreso da sociedade.