HomePontevedraA LamaA Deputación leva este martes á Lama o circuíto +Escénicas cun espectáculo...

A Deputación leva este martes á Lama o circuíto +Escénicas cun espectáculo infantil de maxia en galego

- Anuncio -spot_img

“As nosas letras”, do Mago Teto, representarase o martes 13 de maio ás 11:00 horas no CEIP A Lama

+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes

A Deputación de Pontevedra leva este martes 13 de maio o circuíto +Escénicas ao concello da Lama da man do espectáculo infantil “As nosas letras”, a cargo do Mago Teto. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

O espectáculo “As nosas letras”, que se representará no CEIP A Lama ás 11:00 horas, é unha homenaxe á cultura, a tradición e os costumes galegos a partir dunha escolma de pezas destacadas da nosa literatura que van desde o Medievo ata as letras de cancións contemporáneas, pasando polos séculos escuros, o Rexurdimento e todos os acontecementos do século XX que tiveron repercusión na lingua. O espectáculo unirá a maxia coas letras para ilusionar e divulgar en galego e espertar o coñecemento histórico e contemporáneo na nosa lingua, recompoñendo as cantigas de Afonso X ou facendo aparecer os debuxos de Castelao.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

Publicacións Relacionadas