O xoves será ‘A maleta da mestra’ de Raquel Queizás e o venres ‘Escola de dragóns’ a cargo de ‘Donde viven los cuentos’
A programación do Concello continúa a fin de semana con sendos concertos
O Concello de Nigrán celebra as ‘Letras Galegas’ promovendo a lectura a través de sendos contacontos adicados á infancia este xoves 15 e venres 16 de maio na Biblioteca Municipal ás 18:00 horas con entrada de balde ata completar aforo. Ambas actividades forman parte do programa de dinamización da lectura da Xunta de Galicia ‘Ler conta moito’.
O primeiro deles está a cargo de Raquel Queizás. A mestra suplente chamábamoslle “pisa pouquiño”, era divertida e agarimosa non como Dona Clarisa. Chsss! Que agocha a maleta da nova mestra? Que misterio! Abrímola amodiño… Moitas follas de papel escritas, voan e quedan ciscadas polo chan. A mestra non se enfada, sorri e di: ‘Estamos na Horta das nosas letras’. Despois de recoller a mestra móstranos máis tesouros da súa maleta. Cada obxecto garda un relato que porá de relevo a importancia da historia da nosa lingua e do noso patrimonio material e inmaterial. Sen aprender sobre a represión que sufriu a lingua galega, é imposible entender ocontexto do galego actual. Ser galega é unha forma de vida, unha maneira de existir no mundo.
‘Escola de Dragóns’ será o venres a cargo de ‘Donde viven los cuentos’. Trátase dun conto interactivo e participativo no que os nenos e nenas acompañan a Zog polo seu paso na Escola de Dragóns. Todos xuntos aprenderemos a comportarnos como auténticos dragóns e a superar cada unha das probas plantexadas pola señorita Dragón. Polo camiño, coñeceremos a unha rapaza que non quere ser princesa, o seu soño é ser doutora, axudaralle Zog a conseguir o seu soño ou a secuestrará nunha torre como ás princesas?
A programación municipal polas ‘Letras Galegas’ continúa o propio sábado co concerto de Fanfarria Takikardia no muíño de Porto do Molle (20:00 horas) e o domingo co trío Lideira (19:00 horas).