Espectáculos musicais, de títeres e contacontos completan a proposta cultural para nenos e nenas na Casa de Cultura de Riomaior
O Concello de Vilaboa entra de cheo na Semana das Letras cunha programación diaria orientada ao público infantil da man da Rede de Bibiliotecas de Galicia e dentro do programa local Reactiva Vilaboa que busca a dinamización cultural do municipio. Todas as actividades, excepto a que se desenvolverá no colexio Plurilingüe Riomaior, teñen lugar na Casa de Cultura de Riomaior e son totalmente gratuitas.
A Semana das Letras, adicada este ano á poesía popular oral, concluirá o sábado día 17 cunha tarde na que “Vilaboa cántalle ás Letras”; unha homenaxe á cantareira que residiu en Paredes durante moitos anos da súa vida , Felicia de Fofe, coordinada polo músico pontevedrés Marcelo de Bode.
A tarde comezará ás 18.30 horas na Casa de Cultura de Riomaior cunha charla sobre Felicia Insuela, mestra cantareira, a cargo de Guillerme Ignacio Costas quen recordará a unha das grandes voces e transmisora oral dos romances e cantigas populares no rural galego. Felicia de Fofe faleceu no 2016 aos 86 anos de idade sendo unha colaboradora habitual do programa Luar e Alalá da TVGno que popularizou o seu xeito. Colaborou na fundación da Asociación Cultural de Paredes.
A tarde continuará ás 19.15 comezará unha actividade da man de Polo Correo do Vento e que leva por tútulo “Cantareiras, a poesía popular nas Letras Galegas”. A sesión está basada no libro do que son autores e que foi editado por Lela Edicións. Contarán de xeito ameno as biografías das cantareiras homenaxeadas, farán un mural relacionado, cantarán pezas das propias homenaxeadas e para rematar cada asistente debuxará unha caricatura dunha pandereteira.
A tarde do Día das Letras Galegas rematará cun concerto das Pandereiteiras de Arcade (Tudutén), ás 20 horas.
Este ciclo cultural organizado para coincidir coa celebración das Letras Galegas arranca este martes co espectáculo infantil “Ramona Órbita, a dona do tempo”, que chegará ás 18 horas á Casa de Cultura de Riomaior coa súa máquina cargada de rock and roll, disposta a percorrer os tempos para ensinarnos a protexer a natureza.
A programación continuará o mércores con “Os contos do gato”. Nela o gato Fazulas virá cunha chea de contos para a cativada e para toda a familia. A el encántalle compartir historias que el mesmo vive como se fose o protagonista, e por iso narra contos e moitas historias.
O xoves 15, tamén na Casa de Cultura de Riomaior, estará Ó titiribaile con “A sala de Catapunchimpun”, a sala máis importante da fábrica de contos, na que se decide o final de cada un deles
Para a mañán do venres a promoción da cultura galega trasládase ao CEP Plurilingüe de Riomaior donde actuarán as Pandereteiras de Cobres en horario de mañán.