Tras o éxito de anteriores edicións das viaxes para maiores, o Concello de Redondela segue organizando visitas guiadas. Logo da excursión a Santiago celebrada en marzo, este mes o desprazamento será a Portugal. Haberá tres saídas, o días 26, 27 e 28 de maio con visitas a Barcelos e Braga. O prazo de inscrición está aberto do 12 ao 16 de maio na Oficina de Turismo, rúa Isidoro Queimaliños.
O programa, dependente da concellería de Maiores que dirixe Iria Vilaboa, ten como obxectivo ofrecer ás persoas maiores “a posibilidade de gozar de excursións dun día de duración a lugares de interese cultural, histórico e patrimonial”, informa a edil.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que se fan en varias datas coa intención de que as persoas maiores “poidan socializar e facer actividades ao aire libre, polo que queremos que teña a oportunidade de participar o maior número de persoas posible”. A intención é que as persoas maiores poidan saír, socializar e facer actividades a un prezo accesible para todos e todas.