O mandatario provincial, acompañado polo deputado Javier Tourís, participa nunha xincana para estudantes do IES A Xunqueira organizada polo colectivo Arousa Moza para coñecer o traballo que realiza a Unión Europea no ámbito dixital
A páxina web institucional da Deputación estrea este venres un novo espazo con información de todos os proxectos, preto de 40, que se están a poñer en marcha na provincia con financiamento da Unión Europea
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o impulso que a Deputación lle está a dar á provincia en ámbitos coma as infraestruturas ou programas para a mocidade a través da posta en marcha de programas maduros, atractivos e de calidade que permiten captar fondos europeos. Fíxoo este xoves na escaleira exterior do Pazo provincial onde tivo lugar un acto conmemorativo polo Día de Europa, que se celebra este venres 9 de maio, no que participaron trinta estudantes do IES A Xunqueira e voluntarios do colectivo Arousa Moza, entre eles o integrante dos Mozos de Arousa, Borjamina. “Celebramos un día tremendamente importante. Europa pódenos quedar moi lonxe, pero que cerca está. Todo o que se fai ten unha dependencia enorme de Europa, como as normativas de estudos. Case non hai cousa que fagamos onde non haxa fondos europeos”, sinalou o mandatario provincial, que estivo acompañado polo deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís.
A celebración desta xornada remóntase ao 1985 e este ano celébrase o 75 aniversario da denominada Declaración Schuman, un acordo para a administración conxunto do mercado do carbón e o aceiro entre Francia e Alemaña que é o xerme da actual Unión Europea. Promovido polo colectivo Arousa Moza e co apoio da Deputación, organizouse na cidade de Pontevedra unha xincana educativa na que os estudantes do IES A Xunqueira tiveron que resolver distintas probas por equipos relacionadas cos principios da Unión Europea, enfocadas particularmente no ámbito dixital e a mocidade. “Hai principios que definen á Unión Europea que son aplicables a nós en todos os ámbitos, como a unión ou a solidariedade”, indicou Luis López nunha conversa cos alumnos e alumnas de 4º da ESO do centro pontevedrés.
Neste punto, lembrou o presidente provincial algúns dos programas deseñados para a mocidade da provincia pola Deputación e que tamén están relacionados coa Unión Europea. É o caso do programa Erasmus, a través do cal se promoven estancias formativas para que os estudantes de Formación Profesional poidan realizar prácticas laborais en países da Unión. “Apoiámonos en proxectos europeos para proporcionar mellores servizos a toda a provincia e se hai algún proxecto que sexa da man de Europa, que poidamos pilotalo en voso beneficio, contade con nós”, concluíu o dirixente, quen agradeceu a participación dos estudantes e dos integrantes de Arousa Moza e desexou un feliz Día de Europa a toda a cidadanía.
Nova páxina web para fondos europeos
Con motivo da conmemoración do Día de Europa, a páxina web institucional da Deputación de Pontevedra estreará este venres unha nova sección centrada específicamente en proxectos executados con fondos europeos. Trátase dun espazo actualizado no que o usuario pode encontrar información de preto de corenta iniciativas de diversa tipoloxía para cuxa posta en marcha a Deputación acadou financiamento de distintos programas da Unión Europea. O contido destes proxectos van desde obras de mellora da seguridade viaria, ata programas de apoio a empresas e emprendedores ou iniciativas de mellora da eficiencia enerxética, entre moitas outras.