• O PP cuestiona as prioridades do BNG: “De que serve recibir premios ou saír en titulares se Pontevedra está sucia, desatendida e sen rumbo?”
• Martínez insiste en reforzar os servizos sociais municipais e aumentar a presenza policial nas rúas, con patrullas a pé
O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra intensificou as súas críticas ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores por promocionar en Alemaña un modelo de cidade que non se corresponde coa situación real que viven moitos pontevedreses.
A concelleira do PP Raquel Martínez visitou esta mañá a rúa Augusto García Sánchez para facerse eco das queixas dos veciños que soportan comportamentos incívicos por parte dun grupo concreto de persoas. “Mentres o alcalde presume no estranxeiro dunha cidade modelo, en Pontevedra aumentan as queixas pola falta de limpeza, o abandono dos barrios e unha grave situación de emerxencia social que o BNG non está polo labor de resolver”, lamentou.
Neste sentido, Martínez criticou que Lores dedique máis tempo a promocionar un modelo de cidade que non se asemella á realidade, que a escoitar e atender as demandas dos seus veciños: “De que serve recibir premios ou saír en titulares de prensa se Pontevedra está sucia, desatendida e sen rumbo?”, cuestionou.
Desde o PP insisten na necesidade de reforzar os servizos sociais municipais, ao ser unha das tres capitais de provincia de España que menos inviste nesta área, e aumentar a presenza policial nas rúas, con patrullas a pé. Martínez denunciou que a cidade e o rural presenta numerosos contedores desbordados e en mal estado, zonas verdes sen mantemento e persoas sen fogar durmindo en portais que xa forman parte da paisaxe cotiá de zonas históricas como a Praza da Ferrería ou a contorna de Campolongo.
“A verdadeira cara de Pontevedra non é a que Lores exporta nas súas viaxes, senón a que sofren veciños e comerciantes día a día. Unha cidade que se deteriora mentres o goberno local céntrase máis en coidar o escaparate que en ofrecer solucións reais aos problemas que afectan á cidadanía”, concluíu.