O presidente provincial participou na inauguración da xornada técnica, organizada polo Clúster da Lousa no Centro Cultural Marcos Valcárcel titulada título “Arquitectura, construcción e lousa en Valdeorras: un diálogo hacia o futuro de Ourense”
“Arquitectura, construción e lousa en Valdeorras: un diálogo cara o futuro de Ourense” é o título da xornada técnica que o Clúster da Lousa organizou hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Á inauguración deste encontro cos empresarios do sector da lousa, da construción e persoal técnico dos colexios profesionais de Arquitectura e Arquitectura Técnica, asistiu o presidente provincial, Luis Menor.
Menor agradeceu aos organizadores a súa escolla de Ourense, e concretamente do espazo cultural da Deputación, para albergar este evento xa que lembrou que “un dos nosos obxectivos como goberno provincial é achegar máis Valdeorras e o sector da Lousa á cidade e ao resto da provincia”. Neste senso, explicou que o sector e a institución provincial están a traballar na organización do I Día da Lousa, un exemplo máis que reafirma a colaboración da Deputación “en materia de promoción, exportación e divulgación dun material que é único e parte do ADN de Valdeorras e da provincia”.
Tamén rememorou o presidente provincial a súa última visita institucional a Valdeorras, hai menos dunha semana, onde constatou co propio Clúster da Lousa a dimensión “dun sector tan importante e estratéxico, que é un dos piares económicos e industriais da nosa provincia”, dixo, lembrando tamén as cifras de exportación do sector, xa que a produción española deste material, cifrada en máis de 450.000 toneladas durante o ano 2018, supón o 85% do total mundial de lousa, do cal o 60% corresponde a lousa natural de Galicia. “Cifras que desde as administracións públicas temos que contribuír a consolidar e sobre todo a aumentar nun sector que sempre mira cara adiante”, proclamou.