A fronte nacionalista mantivo unha xuntanza con representantes da AV Camiño Vello de Coia, da FAVEC e con veciñanza das rúas Caldas, Bueu e Moaña, recollendo as súas queixas polo continuado “maltrato e abandono” que padecen do Goberno municipal
Demanda accións urxentes para actuar no estado ruinoso de beirarrúas e escaleiras públicas, mellorar o mantemento e limpeza das zonas axardinadas e resolver a existencia de fugas de augas fecais
Xabier P. Igrexas: “A cidade non se reduce a uns poucos ‘proxectos monumentais’de Caballero; as 300 mil viguesas e vigueses merecen atención en todos os barrios”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo esixiu hoxe ao Goberno de Abel Caballero que poña fin ao “total abandono” que sofre o barrio de Coia, onde beirarrúas en estado ruinoso, escaleiras públicas deterioradas, zonas axardinadas descoidadas e mesmo fugas de augas fecais a poucos metros de vivendas forman parte do día a día da veciñanza.
Así o manifestou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que mantivo unha xuntanza con representantes da AV Camiño Vello de Coia, da Favec e veciñanza das rúas Caldas, Bueu e Moaña, na que recolleu as queixas pola falla de mantemento e o incumprimento de promesas como a mellora da accesibilidade da contorna, anunciada hai seis anos polo alcalde sen avances.
Igrexas criticou a “violencia administrativa institucional” do Concello, que responde ás queixas veciñais negando a titularidade municipal de espazos públicos, malia teren sido cedidos hai máis de 30 anos e contar con actas de recepción. “Como non van ser públicos espazos de acceso libre onde o Concello varre, mantén zonas verdes e instala alumeado e mobiliario urbano?”, interpelou o portavoz municipal nacionalista, denunciando a “tomadura de pelo” dun goberno que prioriza “grandes proxectos propagandísticos con vistosas infografías para maior autobombo do alcalde” fronte ás necesidades dos barrios e parroquias.
Propostas e iniciativas
Para reverter esta situación, o BNG anunciou unha ampla batería de iniciativas nas Comisións Informativas do Concello e no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, co obxectivo de esixir actuacións inmediatas en Coia.
Ademais, Igrexas reiterou a proposta de poñer en marcha o que denominou “Plan Cidade”, un programa de investimentos extraordinarios que mobilizaría 50 millóns de euros dos remanentes municipais –que superan os 190 millóns– para atender os 110 quilómetros cadrados de Vigo. “A cidade non se reduce a uns poucos ‘proxectos monumentais’ de Caballero; as 300 mil viguesas e vigueses merecen atención en todos os barrios”, insistiu.
O portavoz nacionalista lamentou que esta iniciativa, xa presentada en Pleno, fose rexeitada polo PSOE e o PP, pero subliñou a súa urxencia ante a “nefasta xestión municipal”. O BNG defende que o Concello, cun orzamento anual de 400 millóns, ten recursos suficientes para resolver o abandono de Coia e doutros barrios, priorizando as necesidades reais da cidadanía.
“Non imos permitir que se siga ignorando a Coia. A veciñanza das rúas Caldas, Moaña e Bueu merece respostas e solucións, non seguir sendo tratados como vigueses de segunda”, concluíu Igrexas, chamando a un cambio profundo na xestión municipal que poña os barrios no centro das políticas públicas.