HomeVigoNigránO concello de Nigrán celebra esta fin de semana as Letras Galegas...

O concello de Nigrán celebra esta fin de semana as Letras Galegas con Fanfarria Taquikardia e Lideira No Muíno de Porto do Molle

- Anuncio -spot_img

Este xoves e venres o Concello programa sendos contacontos na Biblioteca Municipal

 A programación do Concello de Nigrán polas ‘Letras Galegas’ vivirá o seu día grande esta fin de semana coincidindo coa propia festividade. Así, o muíño de Porto do Molle servirá de escenario para o concerto de Fanfarria Taquikardia o sábado 17 de maio ás 20:00 horas e do trío Lideira o domingo 18 ás 19:00 horas. Os concertos estarán acompañados dunha exposición de cestería de follato de millo durante todo o día na sala de exposicións do muíño e, fora, unha barra da Comisión de Festas de Parada e o sábado tamén de Cervezas Banda.

Fanfarria Taquikardia é un grupo de música de festa con repertorio taquicárdico, que vai das melodías balcánicas a coñecidas pezas da música clásica e do cinema, pasando pola música tradicional galega e latina, achegándolle sempre o espírito necesario para o baile e a festa. A banda está integrada por instrumentos de vento-metal e percusións varias. A formación principal compóñena: trompeta, clarinete, saxo alto, saxo tenor, trompa, trombón, tuba, caixa, timbais e bombo-pratos.

Pola súa banda, o trío ‘Lideira’ (saxo, clarinete, percusión e voz a cargo de Gabi, Amélie e Lois) mestura instrumentos de vento e percusión para conseguir un estilo moi característico no que caben moitas pezas bailables da tradición oral galega.

A programación polas Letras Galegas remata o sábado 24 de maio cun serán na parroquia de Camos protagonizado polas súas pandereteiras, este terá lugar a partir das 19:00 no pavillón da Comisión de Festas (xogo de bolos).

Publicacións Relacionadas