HomeO MorrazoMarínNuria Vilán Prado, gañadora do XVIII Premio de Narración Curta do Concello...

Nuria Vilán Prado, gañadora do XVIII Premio de Narración Curta do Concello de Marín 

- Anuncio -spot_img

Xa coñecida como Nuria Vil na súa faceta poética e de divulgación literaria, a escritora viguesa faise con este galardón, que lle será entregado o sábado 17, grazas ao seu relato “Unha vida tranquila! 

O xurado avaliador do VIII PREMIO DE NARRACIÓN CURTA CONCELLO DE MARÍN, composto por Susana Pedreira, Ramón Rozas, Arantza Portabales e Elena Gallego, e contando coa presenza como secretaria da directora da Biblioteca Municipal Vidal Pazos, María Engracia Vicente Izquierdo, reuniuse onte para fallar este galardón literario, ao que se presentaron 22 manuscritos. 

De xeito unánime, optaron polo relato “Unha vida tranquila” como gañador do certame. Ao abrir a plica, revelouse que é Nuria Vilán Prado (Santo André de Comesaña, Vigo, 1993) a autora detras do pseudónimo Pipa co que se presentou ao certame. 

O xurado, que valorou todos aqueles manuscritos cunha secuencia lóxica e estruturada que permitiu comprobar o cumprimento das bases en canto á extensión máxima permitida, destacou do relato da autora que conta cunha voz literaria propia, coa que vai transitando por un tema de actualidade, como é a crise da vivenda que atravesa á mocidade, tratándoo dun xeito orixinal, pasando do relato individual ao colectivo. Ademais, destacaron tamén a interesante evolución psicolóxica da protagonista, algo que non é sinxelo de conseguir nun relato curto. 

O premio consiste nun cheque de 1.000 euros en metálico, que se lle entregará a Nuria Vilán durante o acto institucional do 17 de maio, que se celebrará ás 13.00h na Praza do Reloxo, dentro da programación de Marín, Vila do Libro, e que contará coa presenza da autora para que poida ler un fragmento do relato gañador. 

Quen é Nuria Vil 

Nuria Vilán Prado, máis coñecida como Nuria Vil nos circuitos escénicos, centra o seu traballo artístico, eminentemente oral, en levar a poesía máis alá da escrita, cunha vontade multidisciplinar e unha forte vindicación social. 

Simún (Chan de Pólvora, 2021) é o seu primeiro e único poemario individual publicado. A súa obra recóllese en numerosas antoloxías e permanece na oralidade. Vén de estrear Delincuente, unha curtametraxe baseada no seu poema homónimo arredor da historia obreira de Vigo.

Publicacións Relacionadas