HomeO MorrazoCangasA Deputación avanza que destinará preto de 500.000 euros a Cangas para...

A Deputación avanza que destinará preto de 500.000 euros a Cangas para mellorar a rúa Fonte do Galo e As Gruncheiras

- Anuncio -spot_img

A deputada provincial María Ramallo visitou hoxe o concello para anunciar que este mesmo venres se aprobarán recursos para os dous proxectos ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia, que destina en total neste 2025 preto de 840.000 euros a Cangas

A deputada provincial María Ramallo visitou hoxe Cangas, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar dous novos proxectos no municipio: a mellora da rúa Fonte do Galo e a transformación da mobilidade nas Gruncheiras. Farao a través de dous investimentos por un total de  484.920 euros procedentes da liña 1 do Plan +Provincia, da que a Cangas lle corresponden un total de 837.071 € neste 2025, que serán aprobados este mesmo venres na Xunta de Goberno do organismo provincial.

Desta maneira, a deputada deu conta dos traballos que desenvolverá Cangas grazas a estes recursos. Por unha banda, con 240.392 euros o Concello mellorará a rúa Fonte do Galo, un proxecto que inclúe a pavimentación e a completa renovación dos servizos existentes, nunha superficie aproximada de 590 m2. Substituiranse tanto as instalacións de saneamento, e abastecemento así como o pavimento existente, sendo substituído o actual por un solado de pedra.

Por outra banda, os 244.528 euros destinados ás Gruncheiras permitirán mellorar a comunicación entre a parte baixa da vila e a zona de Coiro, nos núcleos da Retirosa-Castrillón e Espíritu Santo-Trigas. Trátanse dunhas obras que buscan a estabilización e mellora das fochancas  e a execución dun sistema de drenaxe e canalización adecuado que impida a acumulación de auga. Nós ámbitos onde existe pavimento aglomerado asfáltico prevese o seu corte e retirada, dando así continuidade ao formigón en toda a intervención, reforzándose así o seu carácter peonil, mentres que no resto se prevé a execución dun novo pavimento, a excepción do ramal que parte dende a rúa Longán á rúa Telleiro, onde un leito natural que cruza o camiño, actualmente canalizado, é resolto mediante unha ponte de 5 metros. O percorrido completase coa implantación de mobiliario publico, incluíndo alumeado e outros servizos.

María Ramallo lembrou que neste 2025 Cangas vai recibir preto de 1,2 millóns de euros a través das catro liñas do Plan +Provincia e, neste eido, enxalzou este programa que “é un exemplo da forma de actuar da Deputación, co municipalismo como bandeira, escoitando aos concellos e dando resposta ás súas necesidades”. A deputada engadiu que “plans como o +Provincia nos están a permitir transformar as vilas e pobos, con actuacións transformadoras como as dúas que hoxe anunciamos en Cangas, que modernizan o territorio, melloran a calidade de vida da veciñanza e fan que esta provincia avance como nunca antes fixera”.

Publicacións Relacionadas