O grupo actuará na Praza da Igrexa ás 21:00 horas no marco do “Lalín nas Letras 2025”
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra estrea este venres 16 de maio en Lalín cun concerto de Tiruleque o calendario de actuacións da nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na Praza da Igrexa a partir das 21:00 horas e encádrase en “Lalín nas Letras 2025”, a programación posta en marcha polo Concello de Lalín co gallo da celebración do Día das Letras Galegas.
A banda Tiruleque leva en activo máis de dúas décadas mesturando un repertorio baseado nas recollidas e cancioneiros tradicionais con outras moitas influencias, así como pezas propias. En Lalín presentarán o seu novo espectáculo “Repichoca”, adiantando o novo traballo discográfico da formación. Nel, a banda captura a ledicia e o espírito festivo das repichocas e das foliadas, pero levándoas ao presente, como espazos que unen aos galegos para celebrar a cultura do país.
O concerto de Tiruleque é dunha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.