- A conselleira lembra que estas achegas poden solicitarse ata o vindeiro 30 de setembro, son para sufragar os primeiros gastos derivados da adopción e chegan ata os 150 euros no caso dos cans e ata 125 euros se se trata de gatos
- O Executivo galego triplica este ano o orzamento destinado ás tres liñas de axudas convocadas para o coidado e protección dos animais de compañía abandonados, que acada os 1,4 millóns de euros
- A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático subliña que ata o 12 de setembro está aberto tamén o prazo de solicitude dos apoios destinados a concellos e entidades que xestionan centros de recollida autorizados na comunidade
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou hoxe á cidadanía galega a adoptar animais de compañía abandonados recorrendo ás axudas que ofrece a Xunta con este fin e que poden solicitarse ata o vindeiro 30 de setembro.
O fin último é sufragar os custos de identificación mediante microchip, desparasitación, vacinación e esterilización nos que teña incorrido o centro de recollida, de ser o caso, para garantir o correcto estado hixiénico-sanitario dos exemplares no momento en que se entregue ao seu novo dono, de acordo cos requisitos que establece a Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.
Neste sentido, a conselleira salientou que as achegas -cada solicitante pode solicitar un máximo de dúas- permiten custear a totalidade dos gastos que ten que asumir a persoa que adopta en caso de que o centro de recollida que se ocupaba do coidado e manutención do animal decida repercutirlle eses custos que tivo que asumir.
O ano pasado beneficiáronse destas axudas preto de 170 persoas, por un importe total de 17.000 euros, e o orzamento reservado para esta edición é de 40.000 euros, polo que o Executivo galego agarda unha boa resposta da cidadanía tendo en conta que unha de cada tres persoas en Galicia ten un animal de compañía.
Ángeles Vázquez subliñou que a Xunta está a facer un esforzo importante na protección dos animais de compañía como demostra a aprobación en 2017 da Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, unha das máis ambiciosas de España, que ten como principios básicos evitar os abandonos, apostar polas adopcións e impulsar medidas que contribúan a acadar o maltrato cero. Nesta liña, o Executivo galego triplicou este ano o orzamento destinado ás tres liñas de axudas para o coidado e protección dos animais de compañía abandonados, ata chegar aos 1,4 millóns de euros.
Axudas a entidades
Neste sentido, a conselleira lembrou que ademais das achegas para particulares, tamén está aberto o prazo para que soliciten apoios as entidades locais que acollan animais abandonados ou xestionen colonias felinas nos seus respectivos territorios así como as entidades protectoras legalmente constituídas e inscritas que poden beneficiarse de axudas para o desenvolvemento do seu labor.
O prazo para que os concellos e as entidades que figuran no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía poidan presentar solicitudes está aberto ata o 12 de setembro. No caso das entidades locais -cun orzamento de 850.000 euros- subvenciónanse gastos como os relacionados coa esterilización cirúrxica, a identificación mediante microchip, o pasaporte sanitario e a inscrición dos exemplares ao seu cargo no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac). Tamén se inclúen os custos derivados da alimentación, vacinación preventiva e desparasitación, entre outras medidas profilácticas.
En canto á liña para apoiar ás protectoras titulares ou que xestionen algún centro de recollida autorizado en Galicia -dotada con 480.000 euros-, poden solicitar axudas para cubrir calquera dos gastos mencionados e tamén para a compra de material e medios que necesiten para garantir a xestión e o manexo dos animais ao seu cargo -por exemplo, remolques de transporte, software, dispositivos electrónicos para mellorar a xestión do centro ou equipamento veterinario non consumible, entre outros-.
Ademais, todas as entidades protectoras debidamente rexistradas na comunidade teñen a posibilidade de acceder aos incentivos da Xunta cando realicen campañas de concienciación, promoción da tenza responsable e fomento das adopcións, aínda que non xestionen nin sexan titulares dunha instalación dedicada a este fin.
Outras iniciativas
Cómpre lembrar que a estas axudas se engaden outros proxectos do Goberno autonómico como a previsión de construír un centro de recollida de animais de compañía abandonados de titularidade autonómica e a construción de parques caninos nas sete cidades galegas, unha cuestión que xa se están a facer trámites nos casos dos concellos de Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense.
A beneficiaria á que visitou a conselleira en Oleiros é Natalia, que adoptou un can o ano pasado acolléndose ás axudas convocadas pola Xunta e que estaba acompañada pola súa nai (María José), que adoptou outros dous exemplares sen recorrer a apoios públicos. A conselleira animou ao conxunto da cidadanía a seguir o exemplo destas dúas galegas no coidado dos animais de compañía ofrecéndolles un novo fogar.