O deputado de Cultura, Jorge Cubela, presentou no Pazo provincial a programación en 2025 desta actividade posta en marcha coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual
O deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, presentou este xoves no Pazo provincial a nova edición do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola institución provincial en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, que estivo representada polo seu vogal Milo Baños. Ao acto tamén acudiron representantes dos catro concellos onde se levarán a cabo as proxeccións este ano: Marín (a alcaldesa, María Ramallo), Mondariz (o alcalde, Pablo García), Salvaterra de Miño (a concelleira Lorena Soto) e Vilanova de Arousa (o alcalde, Gonzalo Durán).
Jorge Cubela destacou que grazas a este programa “podemos diversificar e vertebrar a oferta cultural da nosa provincia, que é un dos obxectivos do noso goberno” a través dunha colaboración coa Academia que non se limita a esta iniciativa, senón que tamén permitiu “que os Mestre Mateo chegaran por primeira vez na súa historia á provincia de Pontevedra e ao rural galego” e impulsar os premios María Luz Morales, co obxectivo de “promover a nosa industria audiovisual”. Nesta mesma liña tamén se encadran iniciativas propias como a marca Rías Baixas Film Fest, os premios Mulleres no foco ou a liña de patrocinios Rías Baixas Acción, cuxa nova edición avanzou que se presentará o próximo luns. “Temos que convivir coas salas e coas plataformas, e todo o que poidamos facer para profesionalizar o sector será pouco”, asegurou Jorge Cubela, que desexou que “todos os pasos que vaiamos dando desde o mundo local conflúan en consolidar este gran momento que está a vivir o audiovisual galego”.
No marco do Ciclo Mestre Mateo cada un dos catro concellos participantes acollerá entre os meses de maio e decembro oito proxeccións de cintas que resultaron finalistas nos Premios Mestre Mateo deste ano, con catro títulos de ficción (“As Neves”, de Sonia Méndez, “+Cuñados”, de Luis Avilés, “Honeymoon”, de Enrique Otero, e “Xustiza artificial”, de Simón Casal de Miguel) e outros catro documentais (“Prefiro condenarme”, de Margarida Ledo, “Aurora”, de Area Erina, “Salvaxe, salvaxe”, de Emilio Fonseca, e “Filmei paxaros voando”, de Zeltia Outeiriño). Á última edición do ciclo, que se levou a cabo nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Moraña, As Neves e Ribadumia, acudiron máis de 1.000 persoas cunha media de máis de 30 espectadores por sesión.