Celia García solicita ao Concello que reclame datos á Xunta e actúe ante os atrasos de máis de 400 días nas valoracións de dependencia
A concelleira do BNG, Celia García, denunciou no última sesión plenaria, celebrada o 8 de maio, a grave situación que están a vivir moitas persoas dependentes en Marín, que levan meses —e incluso anos— agardando pola axuda de dependencia que lles corresponde por dereito.
Segundo explicou Santomé, recentemente saíu nos medios de comunicación o caso dunha veciña que leva máis dun ano e medio agardando por esta prestación, pero advertiu que non se trata dun feito illado, senón dunha realidade que afecta a numerosas familias na vila e en todo o país.
“A día de hoxe, a media de espera para facer unha valoración de dependencia supera os 400 días. Moitas persoas morren sen chegar a recibir a axuda que solicitaron. É unha situación inxusta e cruel”, sinalou a edil nacionalista.
Santomé preguntou ao goberno local se tiña constancia de máis casos pendentes e solicitou acceso aos datos dos servizos sociais municipais para coñecer cantos expedientes foron resoltos, pero aínda seguen sen recibir a prestación. En caso de non dispoñer desta información, o BNG propón que se reclamen os datos directamente á Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galiza.
“Mentres a Xunta destina millóns en propaganda, hai persoas en situación de vulnerabilidade que seguen sen resposta. Desde o Concello temos a obriga de interesarnos por estas situacións e presionar para que se axilicen os trámites”, reclamou García Santomé.
O BNG esixe ao goberno municipal que amosen compromiso real coas persoas dependentes e que actúen para defender os seus dereitos fronte aos incumprimentos da Xunta.