“Chafallas, a vendedora de fume”, da Cova das Letras, representarase ás 16:00 horas no CEIP Pío Cabanillas Gallas
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este venres 16 de maio o circuíto +Escénicas ao concello de Dozón da man do espectáculo infantil “Chafallas, a vendedora de fume”, a cargo da compañía dezana A Cova das Letras. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
O espectáculo “Chafallas, a vendedora de fume” representarase no CEIP Pío Cabanillas Gallas ás 16:00 horas e é un espectáculo familiar, pero especialmente infantil, que mestura a tradición do conto galego e portugués con técnicas como a dos monicreques. Chafallas é unha nómade que vai de vila en vila buscándose a vida coa casa ás costas, contando historias dos seus obxectos máis prezados e entretendo a xente a cambio de cartos ou comida. Sabe facer de todo, e ás veces sáelle ben e outras non, pero sempre coa mellor intención. Entende o idioma dos animais, é unha sabia da natureza e, sen sabelo, é tamén a primeira muller narradora que vive do seu oficio. As noites sen teito non son doadas, e para pasalas, enreda coas palabras e a música ata durmir paseniño e que o fermoso son da alborada a esperte.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.