A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este xoves no Náutico de Sanxenxo na presentación do VII Rallye de Pontevedra, “unha cita que continúa consolidándose ano tras ano como un dos grandes eventos do motor na nosa provincia e o conxunto de Galicia” organizado pola escudaría Congostra Team Sanxenxo e que conta co apoio da institución provincial. A vicepresidenta lembrou que “na Deputación cremos firmemente no deporte como motor social, económico e turístico, e non hai dúbida de que o automobilismo é un claro exemplo disto”.
Luisa Sánchez salientou a “aposta decidida e transversal” da Deputación por converter Pontevedra “nun referente en organización de eventos deportivos, en talento e en promesas deportivas, unha liña na que encaixa o programa +Talento Motor, que renovamos este ano tralo grande éxito da súa primeira convocatoria e coa que formamos as nosas promesas do automobilismo galego como Roi Rodríguez, que participará nas cinco probas que compoñen a Copa Dacia Sandero Eco Cup xunto a Daniel González, e polo tanto neste Rallye de Pontevedra”.