Será o vindeiro domingo 25 de maio ás 17.00 horas ao abeiro do mercado de moda de segunda man organizado polo Concello
A actividade contará con prazas limitadas, polo que é necesaria inscrición previa
Unha tarde diferente e chea de imaxinación para a cativada na vindeira edición do Rula Roupa Rosal. O mercado de moda e complementos de segunda man organizado polo Concello prepara un obradoiro de monicreques de calcetín, un taller creativo para toda a familia que se celebrará o vindeiro domingo 25 de maio ás 17.00 horas.
Esta iniciativa ofrece aos máis pequenos a oportunidade de crear os seus propios personaxes empregando materiais reciclados, fomentando a creatividade familiar e un consumo responsable.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca que “con este obradoiro queremos promover a creatividade e a conciencia ambiental dende idades temperás, achegando aos rapaces e rapazas a idea de consumir roupa de forma responsable e sostible. O noso obxectivo é facer do Rosal un concello máis verde, onde a calidade de vida sexa unha prioridade”.
Pola súa banda, o concelleiro de Comercio e Xuventude, Alejandro González, explica que esta actividade forma parte do programa do mercado Rula Roupa Rosal, “unha iniciativa que busca dinamizar o mercado e ofrecer un espazo onde asociacións sen ánimo de lucro e persoas interesadas poidan ofrecer produtos con dereito a unha segunda vida. É unha oportunidade para fomentar a economía circular e a sustentabilidade”.
As prazas para o obradoiro son limitadas. As inscricións poderán formalizarse de forma presencial no Concello ou enviando un correo electrónico a informacionxuvenil@orosal.gal, indicando nome e apelidos, idade da ou do participante e teléfono de contacto.