A compañía de estacionamento facilitou 5000 tickets de aparcamento gratis nos aparcamentos de praza de España e Alameda entre o 15 de maio e o 30 de xuño.
A Concellaría de Promoción económica, que xestiona Anabel Gulías respalda o acordo acadado entre o centro comercial urbano Zona Monumental, a Asociación de Empresarios de Pontevedra AEMPE, Asociación de empresarios das galerías da Oliva e a asociación de emprendemento e innovación Pont Up Store, e Telpark, xestor dos estacionamentos públicos da praza de España e da Alameda, para lanzar unha campaña que permite aparcar 30 minutos gratis en ambos estacionamentos.
Os tickets de desconto emitidos son 5.000 e permitirán aparcar sen limitación de franxas horarias nin restrición de días entre o 15 de maio e o 30 de xuño, ambos inclusive. Cada usuario poderá trocar o desconto no momento de abonar o aparcamento.
O obxectivo desta colaboración é fomentar a economía e o comercio local facilitando o aparcamento de residentes e visitantes nas zonas máis céntricas. Ademais, mediante esta medida tamén se busca reducir a contaminación producida ao buscar aparcamento, á vez que se facilita unha alternativa de mobilidade flexible ás persoas que se trasladan ao centro urbano para as súas compras.
Telpark está presente en Pontevedra mediante a xestión dos aparcamentos de Praza de España e Alameda de Pontevedra, ambos os situados estratexicamente no centro da localidade e, que, de forma conxunta, suman máis de 600 prazas. Doutra banda, o modelo de negocio da compañía céntrase no desenvolvemento de solucións de mobilidade urbana ao servizo do cidadán baixo un modelo de innovación e mellora constante articulado ao redor da súa app, que en Pontevedra xa utilizan case 8.000 usuarios.