A Serra do Cando, Rodeiro, a Illa de Arousa e Baiona protagonizan catro novos capítulos financiados pola institución provincial, que se suman á plataforma colaborativa Galicia Nomeada, da Xunta de Galicia e a Real Academia Galega
O presidente provincial, Luis López, participa no capítulo de Rodeiro, no que fai un percorrido polos nomes de castros, penedos e pontes da vila que agochan lendas milenarias
No marco do Día das Letras Galegas, a Deputación de Pontevedra dá un novo paso na súa aposta pola salvagarda do patrimonio inmaterial galego e reafirma o seu compromiso coa promoción da lingua e da cultura cunha nova edición do proxecto audiovisual “Os nomes da nosa terra”. Trátase dunha iniciativa, na que ten participado estreitamente o presidente provincial Luis López para convidar á cidadanía a descubrir, rexistrar e transmitir os topónimos tradicionais da provincia, e que forma parte das políticas da Deputación para apoio ao galego e á identidade do territorio.
Esta nova entrega, composta por catro pezas audiovisuais, percorre distintos recunchos da provincia para visibilizar os nomes que gardan a memoria colectiva da xente e do territorio. Da man de persoas maiores, alumnado, asociacións culturais e investigadoras, as pezas s topónimos da serra do Cando, para visibilizar a riqueza dos nomes das serras galegas postos por pastores; a talasonimia (os nomes do mar) da Illa de Arousa e a do litoral de Baiona, e a toponimia de Rodeiro, nun capítulo no que o presidente provincial, Luis López, convértese nun guía único e fai un percorrido polos nomes de castros, penedos e pontes que agochan lendas milenarias.
O proxecto busca fomentar o uso da lingua galega desde a raíz do territorio, animando á veciñanza a participar activamente na recuperación destes nomes únicos, moitos deles en risco de desaparición. “Os nomes da nosa terra” púxose en marcha no 2021 e suma xa máis dunha decena de capítulos elaborados nos últimos anos con distintos apoios institucionais, e complétase coa participación activa de persoas voluntarias, asociacións veciñais, centros educativos e investigadores. Forma parte, ademais, de Galicia Nomeada, unha plataforma colaborativa creada pola Xunta de Galicia e a Real Academia Galega e coordinada polo divulgador Vicente Feijoo, para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral asociada a ela.