O Concello dá o pistoletazo de saída aos Obradoiros de Primavera con este taller da man de Leonor Díaz, de Como pez en el agua
Será o sábado 31 de maio ás 11.00 h, con prazas limitadas e inscrición previa
A Nave do Obradoiro da Mata convérterase nun espazo para a expresión artística coa celebración do primeiro dos Obradoiros de Primavera, unha iniciativa posta en marcha polo Concello do Rosal dende a OMIX para dinamizar os sábados de maio e xuño con propostas que combinan arte, tradición e práctica.
O primeiro taller será un obradoiro de pintura sobre madeira, impartido pola artesá Leonor Díaz, de Como pez en el agua, o sábado 31 de maio a partir das 11.00 horas. Tres horas de actividade nas que as e os participantes poderán aprender a mesturar cores, empregar diferentes técnicas e aplicar a pintura sobre diversos obxectos de madeira, como marcapáxinas, elementos decorativos ou mesmo pratos de polbo personalizados.
A proposta está aberta a todas as idades, aínda que terán prioridade as persoas menores de 30 anos. O obradoiro conta con prazas limitadas a 12 persoas e un prezo simbólico de 14 euros que inclúe todos os materiais necesarios. As persoas interesadas deberán inscribirse enchendo o seguinte formulario.
Para o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, este obradoiro é “unha oportunidade máis para que a mocidade se sinta tamén protagonista e participe activamente en propostas que lles permiten expresarse, aprender e divertirse. Estes talleres son unha boa vía para descubrir novas habilidades e conectar coa cultura dende a práctica”.
Este taller é o primeiro dos catro previstos nestes Obradoiros de Primavera, nos que tamén se afondará na artesanía con coiro, na cestería e na costura.