As entidades poderán solicitar ata o vindeiro mércores 14 de maio as axudas á dinamización lingüística dotadas de 150.000 euros
A Deputación de Pontevedra pecha o próximo mércores 14 de maio o prazo para que as entidades sen fins de lucro da provincia poidan solicitar os recursos postos á súa disposición no marco da liña de axudas ao financiamento de actividades encamiñadas á dinamización da lingua galega. Cun crédito de 150.000 euros, entre os seus fins atópanse potenciar o uso do galego no ámbito socioeconómico e todos os sectores de importancia con repercusión social, así como promover a mellora do seu prestixio. As bases da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
As axudas irán destinadas a actividades de dinamización lingüística que os colectivos poñan en marcha ao longo de todo o ano 2025. Poderán ser subvencionados programas de normalización e dinamización lingüística (certames, actividades de creación, xornadas e eventos…), de sociolingüística e toponimia (estudos, xornadas e publicacións), de fomento do emprego do galego no comercio e a industria, campañas, recoñecementos e distincións, actividades de captación de neofalantes e, en xeral, actividades que fomenten o emprego activo do galego, a socialización no idioma de Galicia e aquelas que o asocien con valores positivos, especialmente as dirixidas á infancia e a mocidade.
As entidades poderán recibir ata 4.000 euros para sufragar a actividade, sempre que non supere o 75% do seu orzamento. Entre os gastos que poderán financiar atópanse o alugueiro de infraestruturas e espazos, a contratación de servizos técnicos e profesionais, a edición de publicacións, gastos de comunicación, prensa, publicidade e difusión así como a contratación de grupos, artistas e compañías, entre outros.
Ademais desta liña, a Deputación de Pontevedra tamén destina outros 150.000 euros para a realización de actividades homólogas por parte dos concellos da provincia, elevando a 300.000 euros o orzamento total dedicado a axudas de dinamización do galego en 2025. Ademais, este ano repartíronse 200.000 euros entre nove concellos da provincia (todos os solicitantes) para a creación, o mantemento e o reforzo dos servizos de normalización lingüística.