O presidente provincial salienta o compromiso municipalista da Deputación, que achega este ano ao Concello de Oia un total de 1,12M€ a través de plans de cooperación como o +Provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e o Plan Extra
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este martes o convenio de colaboración coa alcaldesa de Oia, Cristina Correa, para o financiamento do proxecto de rexeneración ambiental do antigo cámping de Pedra Rubia para convertelo nunha área recreativa pública. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Correa selaron un acordo a través do cal o a Deputación achega 500.000€ para o financiamento dun proxecto valorado en 1,53M€.
O proxecto céntrase na rexeneración ambiental da área previamente ocupada polo cámping Pedra Rubia para transformala nun parque público e unha nova zona recreativa e deportiva no porto de Mougás. Unha obra que inclúe a urbanización da parcela, enfocada na renaturalización do espazo e na creación de áreas exteriores, instalacións deportivas e piscinas, así como dous módulos de servizos para vestiarios, aseos e un bar. A ordenación do espazo busca integrar os novos usos coa contorno natural, promovendo a ecoloxía e o medio ambiente, ademais de ter en conta a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida, nenos e persoas maiores, con camiños adaptados e ramplas suaves. A intervención está deseñada para lembrar elementos históricos do lugar, como o Camiño de Cresta, que daba acceso ás parcelas de cultivo; e tamén elimina as edificacións da fronte costeira para crear un paseo lineal paralelo á costa convertendo o que antes era un espazo privado nunha área pública con acceso universal.
A colaboración da Deputación co Concello de Oia non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial un total de 1,12M€ a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.