- Actividades para escolares, postos dos centros educativos, xogos populares, rutas a pé, exposicións e conferencia
O Concello de Ponteareas celebrará mañá xoves día 8 e venres día 9 de maio as xornadas didácticas “Ciencia e Clima”. A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e o concelleiro de Ensino, Ricardo González, adiantaron a participación do físico metereólogo Martín Barreiro que ofrecerá unha charla para escolares que tamén estará aberta á cidadanía.
O lucense Martín Barreiro está especializado en previsión meteorolóxica marítima e xestión de catástrofes de orixe natural, antrópico e tecnolóxico. Desde fai máis dunha década, é o presentador do Tempo durante as fins de semana en Radio Televisión Española (RTVE). Cunha destacada traxectoria desde 2003, Martín transformou a maneira de comunicar a meteoroloxía en España, logrando conectar coa audiencia de maneira clara e directa. “Queremos que o alumnado e a cidadanía aprenda dun xeito ameno e da man de expertos. Ao igual que no resto das accións e proxectos, no ensino e dentro das nosas competencias, apostamos sempre por achegar os mellores recursos á cidadanía e que sen saír da súa vila poidan conectar cos coñecementos”, explica a alcaldesa.
Ao longo de dous días o alumnado de todos os centros educativos de Ponteareas haberá talleres, exposicións, música e conferencia organizadas dende a Concellería de Ensino en colaboración con todos os centros educativos e para todas as etapas dende infantil e primaria ata secundaria e formación profesional. En concreto, as xornadas “Ciencia e clima” ofrecerá 3 talleres organizados polo CIFP A Granxa no que o alumnado creará coas súas mans unha veleta ou aprenderá de xeito divertido como se crea o fenómeno atmosférico da choiva e tamén se abordarán os efectos da DANA e as condicións que impiden que en Galicia aconteza un fenómeno similar.
“Deseñamos un programa no que o alumnado é parte activa e ten a posibilidade de aprender e tamén de amosar os seus coñecementos nos postos dos centros. Serán unha xornadas das que poderán desfrutar toda a cidadanía ao longo do venres visitando os stands e tamén participando na conferencia de Martín Barreiro”, sinala Ricardo González.
O edil de Ensino traslada que en colaboración coa concellería de Benestar Social, que dirixe Raquel Plana, presentarán da man da REGAPS o mapa de activos en saúde, é dicir, un detalle daqueles lugares do concello nos que podemos practicar deporte e pasar tempo de calidade ao aire libre tanto no centro urbano como nas parroquias. Esta é unha das iniciativas do proxecto europeo HEALTH4EUkids de prevención da obesidade infantil no que participa Ponteareas que ademais tamén organizará durante a xornada do venres percorridos para escolares e ofertará xogos populares na praza da música en colaboración co alumnado do Programa de Emprego Compromiso Xuvenil. “Daremos a coñecer o mapa de activos en saúde do Concello realizado de xeito colaborativo coas aportacións das veciñas e veciños e tamén practicaremos xogos populares que promoven a actividade física”, puntualiza Raquel Plana.
O Concello informa que os stands dos centros educativos e a conferencia de Martín Barrerio serán desenvoltas na nave Aceros del Tea.



