O Concello de Mos, a través da Concellería de Medio Ambiente e dentro da iniciativa CoidaMos, pon en marcha o Curso de Economía Circular 2025, un ciclo de obradoiros prácticos dirixidos á cidadanía co obxectivo de fomentar hábitos sostibles e reducir a pegada ecolóxica no día a día. As actividades desenvolveranse entre os meses de maio e novembro na Antiga Casa Reitoral de Petelos, en horario de 19:00 a 21:00 horas.
– O programa arrancará o 12 de maio co obradoiro “O lixo que xeramos”, onde se abordará a xestión actual dos residuos e se ofrecerán ferramentas prácticas para reducir e reutilizar, seguindo o modelo das 10 Erres da economía circular.
–
– O ciclo continuará o 2 de xuño cun roteiro sobre “As herbas silvestres da primavera”, que permitirá aos participantes descubrir as plantas da contorna natural de Mos e os seus usos tradicionais.
–
– O 30 de xullo celebrarase o taller de “Limpeza ecolóxica”, no que se aprenderá a elaborar produtos de limpeza naturais como alternativa aos químicos convencionais.
–
– En setembro, o día 8, será a quenda de “Cosmética natural”, un obradoiro para coñecer as diferencias entre cosmética química e natural e aprender a facer produtos de hixiene con ingredientes saudables e respectuosos co medio.
–
– O ciclo proseguirá no outono cun novo “Roteiro de herbas silvestres” o 13 de outubro, centrado nesta ocasión na flora propia desta estación.
–
– O 10 de novembro celebrarase o taller de “Moda responsable”, no que se analizará o impacto da moda rápida e se explorarán alternativas como a reutilización e reparación de prendas.
–
– Por último, o 1 de decembro, terá lugar “Un Nadal máis verde”, para ofrecer ideas e técnicas que permitan transformar as festas con sinxelos trucos eco, reducindo o consumo e creando decoracións e agasallos reutilizando materiais.
Cada obradoiro terá unha duración de dúas horas e contará cun máximo de 25 prazas por sesión. O prezo por obradoiro é de 10 €, podendo inscribirse en todos os talleres por un importe total de 60 €. As inscricións poden realizarse chamando ao 986 097 037 ou enviando un correo a medioambiente@concellomos.es.
Con esta iniciativa, o Concello de Mos aposta por achegar á veciñanza conceptos clave da economía circular e promover alternativas sostibles, prácticas e accesibles para incorporar no cotián. A actividade está coordinada pola Axencia Ambiental Biophilia.