O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou este mércores durante unha visita á sede da Fundación Manuel Moldes na cidade de Pontevedra (situada no edificio da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal) que a institución provincial concederá unha achega de 6.000 euros á entidade e que a súa sede será unha das 13 da Bienal de Pontevedra. Rafa Domínguez indicou que a axuda de 6.000 euros é só “un primeiro paso”, e avanzou que a colaboración entre as dúas entidades “irá progresando para que fortaleza a cultura e o nome dun artista tan importante como Moldes”.
O vicepresidente da Deputación agradeceu o traballo da fundación “por manter e dar a coñecer o nome dun artista eterno”, e tamén por “só poñer facilidades neste proceso de recuperación da Bienal despois de 15 anos”. Neste sentido o vicepresidente sinalou que “para a Deputación é moi importante que o nome de Moldes se incorpore ao da Bienal”, e tamén agradeceu “a máxima implicación de todas as partes, desde a Fundación, o Concello, a Xunta e, por suposto o Museo, ademais do sector da cultura”, porque “traer 600 obras de 60 artistas de 30 países a 13 sedes distintas ten unha gran complexidade pero estamos solucionándoo todo para facer de Pontevedra un destino cultural, e sen o apoio de tanta xente sería imposible”, salientou Domínguez.