A deputada provincial Belén Cachafeiro anunciou que esta actuación será financiada integramente con recursos do Plan +Provincia que se aprobarán na Xunta de Goberno deste venres
A deputada provincial Belén Cachafeiro acaba de anunciar que a Deputación se encargará de financiar ao 100% as obras de reparación e pavimentación do camiño que une Quintillán coa Rúa (Meavía). Farao a través dun investimento de 110.000 euros procedentes do Plan +Provincia, que destinará á vila un total de 681.000 € nesta anualidade e, no caso da liña 1 de investimentos, 477.000 euros. A achega aprobarase este venres na Xunta de Goberno da Deputación.
A deputada deu conta dos traballos que levará a cabo Forcarei con estes fondos provinciais, que permitirán a reparación e reforzo do firme deste camiño rural mediante escarificado superficial, coa retirada de produtos non aptos para incorporalos á base do firme, e o estendido dunha base granular a aplicación dun tratamento bituminoso. O camiño está dividido en cinco tramos, e nos dous que se atopan nun grao de deterioro moi avanzado incrementarase o espesor da base granular, que se estenderá en dúas capas do mesmo tratamento. Trala reparación, os cinco tramos se pavimentarán, previa limpeza mediante varrido e coas reparacións puntuais pertinentes. Tamén se executará a embocadura para cano en canalización transversal onde a existente estea rota (coa prolongación ou reposición parcial do cano) e faranse reforzos con formigón en masa.
Belén Cachafeiro puxo en valor que o Plan +Provincia “é a máxima expresión do municipalismo que define o modo de actuar deste goberno provincial, que implica escoitar os concellos e darlles respostas para que todas as súas necesidades estean cubertas”. A deputada provincial incidiu en que con esta iniciativa a Deputación de Pontevedra ten como obxectivo “impulsar a transformación e modernización das nosas vilas porque sabemos que iso significa mellorar a calidade de vida das nosas veciñas e veciños e impulsar o avance dunha provincia extraordinaria”.