Hoxe rematou as súas prácticas no Servizo de Electricidade do Concello de Redondela Naira Cabaleiro, unha moza de 16 anos que completa os seus estudos de FP Básica. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, felicitárona hoxe por ter completado as prácticas nun encontro no que participou tamén o se titor no servizo, Aurelio Krook.
Villar destacou que foi “un verdadeiro pracer” ter a Naira no seu servizo e salientou que se trata dunha rapaza “cunha capacidade de traballo e unhas gañas de aprender admirables”. O edil sinala que se integrou moi ben no servizo “desde o primeiro día” e que calquera empresa que a contrate fará “unha gran inversión”.
A propia Naira dixo terse sentido “moi a gusto” ao realizar as prácticas no Concello, e cualifica a experiencia como “moi boa”, cun ambiente de traballo positivo con todos os compañeiros e compañeiras, dos que aprendeu moito. Este curso remata a FP Básica de Electricidade e Electrónica no IES Pedro Floriani, e a súa intención é seguir formándose nun Ciclo Medio da mesma rama.
A alcaldesa animou a que máis mozas tomen o exemplo de Naira e se formen “en calquera rama profesional que lles guste”. Desde o Concello “apostamos por rachar as barreiras de xénero e animamos a rapazas e mulleres a formarse e traballar en sectores que lles brinden un bo futuro laboral, aínda que estean tradicionalmente masculinizados”. De feito Naira Cabaleiro, veciña de Quintela, é a única alumna na súa clase do Floriani, onde o resto de compañeiros son rapaces. Con todo, ela conseguiu destacar e demostrou unha gran profesionalidade no período de prácticas.