“Superharte”, de Patty Diphusa, representarase ás 19:00 horas no Auditorio municipal
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 25 de maio o circuíto +Escénicas ao concello de Meis da man do espectáculo familiar “Superharte”, a cargo de Patty Diphusa. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Superharte” representarase no Auditorio municipal ás 19:00 horas e é un número de clown que pretende dar a clave para evitar que os medos paralicen especialmente ás nenas e os nenos aos que todo o mundo lles din que non poden. Trátase dun espectáculo cunha mensaxe de apoderamento para vencer eses medos e que todas as persoas sexan quen de facer o que parece imposible. Buscando confianza en si mesma e co apoio do público, a “hartista” conseguirá chegar ao máis alto e conquistar fazañas que poderían parecer inalcanzables.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.