O proxecto, financiado ao 80% pola Deputación e ao 20% polo Concello de Poio, desenvolverase nun tramo de 1,1 quilómetros e contempla a creación dunha nova senda peonil
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe en conferencia de prensa que a Xunta de Goberno acaba de dar luz verde ao convenio de colaboración co Concello de Poio para desenvolver as obras de mellora de seguridade viaria e de creación dunha senda peonil na estrada provincial EP-0601 Portosanto-Campelo. Trátase dunha actuación cun orzamento total de 1,8 millóns de euros, dos que a Deputación aporta o 80% (preto de 1,5 millóns de euros) e o Concello o 20% restante.
A mellora da seguridade e mobilidade desta vía provincial desenvolverase nun tramo de 1,1 quilómetros. Deste xeito, crearase unha senda peonil de formigón coloreado de 2,50 metros de largo na marxe dereita da estrada e implantarase unha zona de convivencia onde non é posible acadar esa lonxitude mínima. Ademais, a actuación contempla a execución de muros de sostemento da estrada, a creación de prazas de estacionamento, a mellora do sistema de drenaxe de augas pluviais, a renovación da iluminación pública e a reposición de aqueles servicios afectados pola execución das obras.
“Queremos que a rede provincial, fundamental na vertebración do noso territorio, se atope nunha situación óptima e, con proxectos como este en Poio, avanzamos para acadar o noso obxectivo”, asegurou o presidente Luis López.