HomePontevedraEn marcha as obras da segunda fase da Senda Verde de Chapela

En marcha as obras da segunda fase da Senda Verde de Chapela

- Anuncio -spot_img

– A segunda parte da senda arranca nas inmediacións do novo Skatepark e continúa en dirección a Redondela cunha nova superficie de 2.300 metros cadrados para uso público. Contará cunha praza que comunicará os dous tramos do camiño Real Angorén, que na actualidade están separados pola vía.

– A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que deste xeito “o goberno local cumpre co compromiso de dar continuidade á Senda Verde de Chapela, inaugurada no anterior mandato, e que é moi transitada pola veciñanza. Trátase dun paso máis no noso empeño por dar prioridade aos peóns e crear espazos saudables”.

Comezaron as obras para a construción da segunda fase da Senda Verde de Chapela. Deste xeito o Concello dá continuidade a esta vía peonil que transforma a antiga liña do ferrocarril, agora en desuso, nun novo espazo público de lecer. Este segundo tramo comeza nas inmediacións do novo Skatepark e continúa en dirección a Redondela. O proxecto vai transformar esta céntrica zona da parroquia de Chapela cunha nova superficie de 2.300 metros cadrados para uso público. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que deste xeito “o goberno local cumpre co compromiso de dar continuidade á Senda Verde de Chapela, inaugurada no anterior mandato, e que é moi transitada pola veciñanza”. O novo tramo, ao igual que a senda que une o antigo apeadoiro con Vigo, será un espazo pensado para o uso e disfrute da cidadanía. Na zona crearase “un espazo dinámico para fomentar a vida saudable no que a veciñanza poida gozar dun paseo por un medio natural lonxe do tráfico, e tamén mellorará a conexión coas rúas da contorna”. A segunda fase contará cunha praza que comunicará os dous tramos do camiño Real Angorén, que na actualidade están separados pola vía do ferrocarril. Crearase así un lugar de esparexemento, deporte e vida saudable, tanto para usos lúdicos como deportivos. “Trátase dun paso máis no empeño deste goberno por dar prioridade aos peóns e crear espazos saudables”, sinala Rivas.

O deseño é similar ao da primeira fase da senda, e nos puntos nos que o percorrido ten acceso dende as rúas adxacentes crearanse pequenas prazas con bancos que servirán como zonas de descanso e de encontro para a veciñanza. Ao final do trazado colocarase unha pérgola que ofrecerá sombra nos días de sol. Os traballos foron adxudicados á empresa local Construcciones Castro por un importe de 277.500 euros, e o prazo de execución é de seis meses. O financiamento corre a cargo do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra.

Novos espazos públicos en Chapela

Este novo proxecto, que será unha realidade este outono, súmase a outras melloras que vén experimentado a parroquia de Chapela nos últimos anos. A primeira fase da Senda Verde, que conecta o antigo apeadoiro de Chapela con Vigo, inaugurouse a finais de 2021 cun investimento de 778.000 euros. Anexo a esta senda construíse o Skatpark. Esta pista de deportes urbanos, valorada como unha das mellores da área metropolitana, supuxo un investimento de 357.894 euros. Tamén se remodelou o espazo coñecido como “o Campito” e a alameda Rosalía de Castro, cun investimento entre ámbalas obras de 600.000 euros. “En total, os investimentos nesta zona da parroquia superan os 2 millóns de euros nos últimos catro anos, con proxectos que serviron para mellorar espazos públicos e crear outros novos cos a cidadanía gaña en calidade de vida”, conclúe Rivas.

Publicacións Relacionadas