Será o 13 de xuño, a partir das 22:00 horas, no Pazo de Mos
O artista internacional Juan Magán será a estrela do concerto estelar da Festa da Rosa, que se celebra o próximo 13 de xuño no Pazo de Mos. Dentro dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, o produtor discográfico, DJ, compositor, letrista e cantante marcará un novo fito actuando de balde en Mos, como así anunciou a alcaldesa Nidia Arévalo, que estivo acompañada no acto de presentación do concerto do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, do presidente da Fundación Pazo de Mos, Ramón Vilanova, do produtor do concerto André Vázquez e dos concelleiros Camilo Grandal, Sara Cebreiro e Leo Costas.
A Festa da Rosa, recoñecida como Evento de Interese Turístico de Galicia, pola súa tradición, é a celebración máis emblemática de Mos. De aí que conte nesta 52º edición da súa festa cun artista de fama internacional como Juan Magán, cunha traxectoria musical de dúas décadas que o consolidan coma o grande referente mundial do estilo electrolatino, do que é pioneiro, con temas tan coñecidos como “Bailando por el mundo” o “Te voy a esperar”.
Trátase dun dos artistas españois con máis reproducións nas plataformas dixitais a nivel mundial, colaborou con artistas de éxito mundial como Shakira, Don Omar, Pitbull, Paulina Rubio, Enrique Iglesias ou Gente de Zona. Foi nomeado cinco veces aos Grammy Latinos e seis veces aos Billboard Latin Music Awards.
O concerto celebrarase, a partir das 22.00 horas, no Pazo de Mos e a entrada será de balde. Os DJ’s locais Traffic House (presente tamén na presentación), e Samu Pexe acompañarán ao artista como teloneiros, no que promete ser un espectáculo que durará cerca de cinco horas.
“Estamos nesta contorna espectacular do Pazo de Mos para presentar a actuación estelar da Festa da Rosa, que é o concertó de Juan Magán, que vai estar aquí o 13 de xuño a partir das 22.00 horas”, anunciou a rexedora municipal, que agradeceu a presenza de Xosé Merelles en Mos. “Somos un Concello con moitísima actividade cultural, porque estamos no Camiño de Santiago, e esta Festa da Rosa se enmarca tamén nas actividades do Xacobeo, nun ano no que volvemos a acoller a meta dunha etapa de La Vuelta, o 9 de setembro. Por iso quérolle dar as grazas pola súa implicación e por apoiarnos”. Nidia Arévalo tamén tivo palabras de agradecemento para a Fundación Pazo de Mos, e cualificou de “indispensable” a súa faceta de anfitrioa.
“Estou segura de que este concerto vai a ser todo un éxito, de que se vai quedar pequena esta contorna do Pazo de Mos, que vai a estar chea de mosenses e de habitantes metropolitanos que veñen a Mos sempre a vivir a Festa da Rosa e a pasalo fenomenal”, engadiu.
Tamén quixo puntualizar Nidia Arévalo que o de hoxe non é a presentación da Festa da Rosa. “Haberá moitas máis sorpresas que iremos desvelando a partir do próximo luns”. “Grazas ao presidente Alfonso Rueda, á Xunta de Galicia, á Fundación Pazo de Mos e grazas, querido Merelles, por estar e por axudarnos tanto”, dixo para cerrar a súa intervención.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia precisou que “é unha satisfacción poder incorporar a actuación de Juan Magán aos Concertos do Xacobeo, que é esa gran explosión de acontecementos festivaleiros e de concertos que no ano 2025 traerá a Galicia máis de 700 artistas internacionais, nacionais e galegos, e que vai fornecer o panorama cultural de Galicia”, destacou. “Estou seguro de que este concerto vai ser un éxito, por moitas razóns: pola acollida da que fai gala Mos e as súas xentes, porque pasa por aquí o Camiño de Santiago, e, por suposto, tamén pola calidade do artista, que de seguro atraerá xente de todas as partes de Galicia e mesmo quizais tamén do exterior de Galicia”.
Para rematar, Xosé Merelles desexou que este evento sexa “todo un éxito” e amosou a súa satisfacción por “apoiar e enxalzar máis se cabe a Festa da Rosa”. “Este ano seguro que vai a ser unha das mellores edicións”, anunciou.
Pola súa banda, o promotor André Vázquez destacou que “Mos está de moda”, algo que, precisou, “é visible aos ollos de todos”. “Lévase facendo un traballo nos últimos anos que parece que cada vez vai a máis, grazas á labor das institucións, do Concello e da Xunta de Galicia neste caso tamén, e esperamos seguir esa continuidade”, concluíu, convidando a todo o mundo a que se achegue o próximo 13 de xuño ata Mos para vivir e festexar a Festa da Rosa.