HomePontevedraO CondadoO concello de Ponteareas presenta o programa do Corpus Christi 2025

O concello de Ponteareas presenta o programa do Corpus Christi 2025

- Anuncio -spot_img

Concerto de Xosé Manuel Budiño na praza Bugallal, exposición fotográfica nos comercios locais, visitas guiadas, conferencias, decoración colgante, orquestras e actividades para público infantil

A apertura dos portais alfombristas na noite do venres 30 de maio abrirá a programación das festas do Corpus Christi. A alcaldesa, Nava Castro, e o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, informaron hoxe aos medios de comunicación das actividades e acontecementos que terán lugar ao longo do mes de Corpus.

As novidades chegan xa no primeiro día de programa, o venres 30 inaugurarase a primeira exposición fotográfica “Traballos previos ás alfombras de Corpus”, unha singular exposición distribuída polos comercios de Ponteareas. O día 4 o Concello presentará a celebración de Corpus Christi na Casa de Galicia en Madrid.

Outra das novidades será a conferencia “Pasado ancestral das alfombras florais. Conciencia e compromiso, de Galicia á Unesco” da arqueóloga  Ana Filgueira o sábado día 7 ás 10:30 horas en Artistea.

A presentación da revista Pregón chega acompañada de música de corda do Conservatorio Municipal de Música e será o venres 13 ás 20:30 horas. Para o desfrute de todas as persoas asistentes ao remate da presentación da revista inaugurarase o videomapping do Corpus ás 22:30 horas.

Ao día seguinte, sábado día 14 espectáculo de luces e danza e concerto de  Xosé Manuel Budiño na praza Bugallal ás 22:00 horas e o domingo 15 ás 12:00 inauguración da exposición “Corpus en Flor” no auditorio municipal. A lectura do pregón será ás 12:30 horas a cargo do ciclista e alfombrista ponteareán Borja Gómez Méndez.

O venres día 20 inauguración da decoración colgante “Corpus inclusivo” na praza Maior.

As delegacións alfombristas chegarán dende Melgaço, Monçao, Viana do Castelo, Caminha e Arcos de Valdevez. O embaixador de Malta en España e unha representación da Worshipful Company of Gardeners de Reino Unido estarán entre os convidados que coñecerán a tradición do Corpus Christi de Ponteareas. O sábado día 21 ás 18:00 horas comezarán a confeccionarse as tradicionais alfombras de flores de Corpus e ás 20:00 horas terá lugar a recepción de autoridades e percorrido polos portais alfombristas.

O domingo 22, día de Corpus Christi, os actos comezan ás 10:30 horas sendo a misa ás 11:30 horas cantada pola Coral do Centro Artístico Sportivo seguida da procesión de Corpus Christi que este ano estará acompañada pola Banda de Cornetas e Tambores da Coronación de Espinas de Córdoba. Ás 19:00 horas será o desfile de carrozas con animación musical, ás 22:00 horas as actuacións das orquestras é ás 00:00 horas o lanzamento de fogos artificiais.

O luns 23, festivo local, será o día das nenas e dos nenos con inchables gratuítos na praza do Concello e actividades infantís. A santa misa por todos os alfombristas será ás 18:00 horas e a ofrenda floral in memorian ás 20:00 horas. Ás 20:30 acto de entrega de medallas de Corpus Christi coa actuación da banda de gaitas “Os Zoqueiros” A partir das 22:00 horas as orquestras volven ás prazas Bugallal e Maior.

A entrega de premios do II Concurso Balcóns Floridos o martes 24 ás 12:00 horas no salón de plenos.

Alcaldesa e tenente de alcaldesa convidan a toda a cidadanía a participar nos distintos actos deseñados arredor destas festas declaradas Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural inmaterial.

Ao longo deste mes haberá tamén probas deportivas como o 5º aniversario do club LEAM o domingo 15, o II Tritea campionato de triatlón alego o sábado 21 e do 28 de xuño ao 5 de xullo torneo de tenis Vila do Corpus.

Tamén se porá en valor o folclore galego con actuacións das cantareiras, pandereteiras e grupos folclóricos das casas e centros cutlurais  con  concertos o mércores 11, o venres 13, o luns 16, o martes 17, o mércores 18 e o venres 20.

Publicacións Relacionadas