O mandatario provincial, acompañado polo deputado e alcalde Jorge Cubela, comproba o remate destas obras enmarcadas no programa PON2030 nas que a Deputación investiu 221.000€, o 85 % do custo total do proxecto
“Humanizamos este núcleo dos Castros con todas as comodidades das zonas urbanas, para que a veciñanza do rural viva nun espazo da máxima calidade e coas mellores dotacións”, afirma López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, comprobou este sábado na parroquia de Quireza, en Cerdedo-Cotobade, o remate das obras de humanización do núcleo dos Castros. O mandatario provincial percorreu un treito deste reformado espazo público que é froito da colaboración entre os gobernos provincial e local e supuxo o investimento de 260.000€, dos que a Deputación achegou o 85 %, uns 221.000€, ao abeiro do programa PON2030. “Humanizamos este núcleo dos Castros con todas as comodidades das zonas urbanas, para que a veciñanza do rural viva nun espazo da máxima calidade e coas mellores dotacións”, salientou o dirixente, quen visitou este novo espazo acompañado polo alcalde e deputado provincial, Jorge Cubela.
A intervención centrouse no ámbito comprendido entre a zona de Fonte Seca e A Igrexa e tiña como obxectivo facerte deste núcleo un espazo máis accesible, seguro e amable para a os peóns. A obra consistiu na reposición dos pavimentos, renovación das redes de abastecemento e pluviais e a implantación dunha nova iluminación con tecnoloxía LED máis eficiente. “Son xa case dous anos á fronte deste extraordinario goberno da Deputación, con moitas iniciativas postas en marcha neste tempo. Comprobar o remate deses proxectos que, con moita dedicación, vimos nacer e madurar é toda unha satisfacción e esta humanización do núcleo dos Castros é un deses exemplos: Unha obra moi agardada pola veciñanza desta parroquia, un proxecto transformador e unha mostra dese municipalismo que practicamos desde a Deputación para achegar aos concellos os recursos necesarios para atender as súas necesidades”, afirmou o presidente.
Neste sentido, o mandatario provincial recoñeceu tamén o labor que está a realizar Jorge Cubela tanto á fronte do Concello como responsable dos servizos de Cultura, Xuventude, Reto Demográfico e Desenvolvemento Rural. “Grazas ao seu labor esta provincia é unha potencia cultural de primeira, unha comunidade que brinda oportunidades á súa mocidade e un territorio cohesionado que leva os mellores servizos e infraestruturas a todos os recunchos da provincia”, destacou o presidente, quen valorou tamén o compromiso do rexedor co seu Concello. “O traxe de alcalde non o quita nunca”, asegurou López.
A colaboración entre a Deputación e o Concello non se limita unicamente á humanización do núcleo dos Castros, para este ano 2025 o organismo provincial ten previstos investimentos en Cerdedo-Cotobade por valor de 1,5 millóns de euros a través de proxectos vinculados ao plans de Cooperación como o +Provincia, o Plan Extra ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.